Redacción . O portavoz do Grupo Parlamentar en materia de Lingua, Bieito Lobeira, denunciou esta mañá que un xulgado de Madrid ameaza unha nai galega con retirarlle a custodia das súas fillas por trasladarse de Alcorcón a Vigo, debido a que 'o ensino é en galego e esta lingua non é útil'.
Nunha rolda de prensa co portavoz da familia afectada, Manuel López Rodríguez, Lobeira criticou o auto do xulgado de Alcorcón, que lle nega á nai que se traslade a Vigo debido ao perigo de “desarraigo que se estende ao seu ámbito escolar, pois as menores estiveron escolarizadas desde hai moitos anos no Colexio Amanecer, de Alcorcón, para agora verse escolarizadas en Centros Públicos, en Vigo, con inmersión nun sistema escolar en lingua galega, unha lingua distinta á que foron escolarizadas até o de agora, que máis alá do ámbito de aquela Comunidade Autónoma, non se aprecia que teña ningunha outra utilidade práctica”.
O deputado do BNG, Bieito Lobeira, en rolda de prensa.
O irmán da nai e portavoz da familia, Manuel López Rodríguez denunciou “o calvario o que se nos está sometendo, cunha evidente inxustiza por querer vivir en Galiza”. Manuel Rodríguez criticou os prexuízos do xuíz de Alcorcón e salientou que “as nenas están perfectamente integradas en Vigo e son felices”. Respecto á lingua galega, subliñou “que para nada tiveron ningún problema: desde pequenas escoitárono na familia e enténdeno; a maior pódese acoller á exención de galego na selectividade e a pequena quitou en galego unha nota de 8,5, gústalle e mesmo empeza a falalo”.
Perigo de que se sente xurisprudencia
Pola súa parte, o deputado do BNG asegurou que “do punto de vista democrático e humano non se pode admitir que un xuíz lle denegue a unha nai separada que veña a vivir a Galiza polo feito de que teñamos lingua propia”. Bieito Lobeira denunciou que “é un caso de racismo lingüístico, de xenofobia, como se fora un delito que en Galiza tiveramos unha lingua propia”.
Ademais, advertiu de que “argumentos como o deste xulgado de Alcorcón poden sentar xurisprudencia no futuro e calquera pai ou nai separado de Galiza, Cataluña ou Euskadi que viva en Madrid ou noutra Comunidade castelanfalante e queira volver á súa terra perderá a custodia dos seus fillos”.
Lobeira alertou de que “se están vulnerando os dereitos inalienábeis das persoas que falan galego” e por iso anunciou que o BNG trasladará no mes de xaneiro a institucións internacionais “casos concretos de persoas que ven conculcados os seus dereitos lingüísticos, como traballadoras e traballadoras despedidos por falaren galego”.
“A Xunta debe intervir”
Ante esta situación, e no caso concreto da nai de Vigo, o deputado nacionalista presentou unha proposición non de lei no Parlamento pola que se insta á Xunta de Galiza a “adoptar as medidas precisas, ao amparo da legalidade vixente, e no ámbito das súas competencias, nomeadamente a través das Consellarías de Traballo e Benestar, e Educación e Ordenación Universitaria, para evitar un caso flagrante de discriminación por razón de lingua, de pertenza e residencia na Galiza, que está a padecer unha familia de Vigo”.
Descargar Tarifas