Luís Lamas, Núñez Feixóo, Xosé Méndez e Santiago Camba.
O presidente da Xunta tardará en esquecer a súa primeira visita ao Centro Galego de Barcelona. Sen pretendelo, protagonizou unha reunión histórica na que por primeira vez se xuntaron a meirande parte dos colectivos galegos de Cataluña, algúns deles con obxectivos irreconciliábeis, e nalgúns casos mesmo abertamente enfrontados.
Só unha entidade centenaria e de referencia como o Centro Galego de Barcelona podía ser quen de lograr unha xuntanza así, propiciada polas xestións do seu presidente, Xosé Méndez, “Pepe de Requeixo”, que preparou o encontro e estendeu o convite a todos os colectivos. O recorte drástico das subvencións do departamento de Emigración e a preocupación latente polas salpicaduras do caso Pretoria fixeron o resto.
O encontro non só foi excepcional pola diversidade presente senón tamén polas formas. Todos sentados nunha pequena sala con escasas posibilidades de fuxida discreta, os representantes de 20 entidades tiveron a oportunidade de formularlle candansúa cuestión ao presidente da Xunta, nun exercicio de representación pública de intereses.Feixóo atendeu o seu particular “Teño unha pregunta para vostede” acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba, que case non falou e botou todo o encontro cunha indisimulada “cara de sinco pesos”; para os que non entendan a expresión, a cara que lle queda a un cando son as nove da noite, vén de asistir a unha Convención do PP, e probabelmente esperaba despachar a visita cunha breve intervención e uns viños, tal e como facían presaxiar os gaiteiros do recibimento.
As inquedanzas
O presidente da Xunta, que se presentou “como un galego máis”, xa que non estaba de viaxe oficial, deulle resposta a case todas as preguntas, moitas delas relacionadas co pagamento das subvencións. Núñez Feixóo explicou que non hai cartos, que o departamento de Emigración reduciu os orzamentos de 1.800.000 euros no 2008 a un millón no presente exercicio. E por se acaso, lembroulles ás entidades que xa naceran antes da creación da liña de axudas, no ano 90, e que polo tanto foran sostidas “a pulmón”.
Tamén saíron á luz outros temas como o minifundismo do panorama asociativo de Cataluña, a necesidade de reformar a Lei da Galeguidade ou o despoboamento rural en Galicia.
Non se pronunciou Feixóo sobre a proposta, lanzada tanto por Ergac como polo Foro Cívico Galego, de crear un centro de proxección internacional da lingua e da cultura galegas, ao estilo do Ramón Llull, nas principais cidades da diáspora, incluída Barcelona. E só pareceu incomodarse coa intervención de Galauda, que lle pediu a colaboración da Xunta para introducir de maneira opcional o ensino do catalán nos institutos galegos, ao igual que xa se fai co galego nalgúns centros de secundaria de Cataluña. A proposta, incluída sen ánimo de polemizar, desembocou nunha rotunda defensa do inglés por parte de Núñez Feixóo, que rematou criticando o sistema de financiamento de Cataluña.
A sesión pechouse tras unha hora de intervencións, nas que Núñez Feixoo tivo ocasión de coñecer de primeira man a esixente comunidade galega de Catalunya, unha realidade que dificilmente poderá obviar durante o seu mandato, dea ou non dea votos. Agora si, de producirse nun futuro unha visita de carácter oficial, apóstolles algo a que, polo menos, intentará cambiar o formato polo de “59 segundos”.
Descargar Tarifas