Cando se cumpren sete anos do 'Prestige'
PP, PSOE e BNG difiren sobre as melloras en seguridade marítima
Europa Press
.
O 13 de novembro de 2002, un petroleiro monocasco de 26 anos cargado con 77.000 toneladas de fueloil naufragaba ante as costas galegas. Hoxe, sete anos logo dunha das catástrofes ambientais máis importantes da historia da navegación, os partidos políticos difiren sobre as melloras realizadas no ámbito da seguridade marítima.
13.11.2009 | 12:47
Voluntarios contra o chapapote do Prestige
De feito, en declaracións a Europa Press, o PPdeG admite que "o risco cero non existe", pero ve que “se mellorou"; os nacionalistas recoñecen a existencia de "melloras parciais", aínda que as cren "insuficientes" para evitar que se reproduza unha situación similar; e o PSdeG aprecia unha "melloría" con respecto ao 2002, á vez que advirte de que "aínda quedan cousas por facer".
Pola súa banda, o portavoz de Medio Ambiente do PPdeG, Daniel Varela, puxo o acento no "perigo" das augas galegas e na "cantidade de buques" que as transitan, polo que considerou "imposíbel" garantir que "non volverá ocorrer" un episodio similar. "Iso si, estamos en mellor situación", subliñou.
Tamén a secretaria de Medio Ambiente do PSdeG, Carme Gallego, sinalou que "un accidente pode ocorrer en calquera momento", pero sinalou que, "agora", Galiza conta cos medios para "resolvelo" e cun protocolo de actuación "claro". "Isto sitúanos nunha dimensión distinta á de 2002", evidenciou.
En cambio, o responsábel de Pesca no BNG, Bieito Lobeira, alertou de que "non existen garantías de que non se tomarían as mesmas decisións erradas" na actualidade que hai sete anos e incidiu en que os medios "seguen sendo insuficientes". "Non estamos blindados", advertiu.
Logros
En canto ás melloras logradas desde o accidente do Prestige, Daniel Varela citou a declaración de Galiza como "zona de especial protección ambiental" por parte da Unión Europea, de modo que así figura en todas as cartas marítimas, e deriva nun afastamento dos buques con mercancías perigosas.
O impedimento da circulación aos buques monocasco a partir de 2010 é unha das principais melloras apuntadas tanto por Varela como por Carme Gallego, quen destacou tamén que a capacidade de recollida de hidrocarburos no Estado español era de 80 metros cúbicos en 2002, mentres que, na actualidade, tan só Galiza pode recoller máis de 6.000.
Para Lobeira, o "fondo" das demandas realizadas en 2002 "segue vixente", aínda que aplaudiu a creación dun terceiro carril para buques con mercancías perigosas separado da costa en 41 millas, a achega a Galiza do remolcador 'Don Inda' e a ampliación de potencia da cobertura de radar.
Reclamacións
No apartado das reclamacións, a socialista apostou por lograr que, a nivel europeo, se asuma o principio de que "quen contamina, paga" nas cuestións relacionadas co tráfico marítimo. "O propietario do buque pagaría a contaminación e os danos derivados a nivel ambiental, social e económico", defendeu, convencida de que, deste xeito, os armadores "pensarían máis o navegar en malas condicións", xa que "custa máis pagar todo iso que a carga do buque".
Polo seu lado, o nacionalista pediu que as transferencias en materia de contaminación marítima e salvamento sexan transferidas a Galiza, co fin de convertelos en "servizos públicos, gratuítos e universais, ben dotados de medios". Así, aos recursos navais e aéreos, engadiu o incremento de cobertura vía satélite e do número de inspeccións, ademais da creación dunha normativa de seguridade "adaptada" ao país.
Xestión da catástrofe
Con respecto á xestión da catástrofe, que derivou na imputación do ex director xeneral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, pola imprudencia que supuxo a súa decisión de afastar o petroleiro da costa galega, o deputado popular criticou a "utilización partidista" que se fixo desta cuestión "para sacar réditos electorais a curto prazo".
"Creo que aprendemos, ante desgrazas como a do Prestige, o 11-M ou o Alakrana, que cando alguén nos provoca un dano, temos que estar unidos. Logo xa se debaterá se se xestionou ben ou mal", reflexionou.
No entanto, a ex conselleira de Pesca asegurou que o seu partido "se puxo á disposición da Xunta e do Goberno central para colaborar no necesario", pero "só recibiu mentiras e ocultación da realidade como resposta". "Dixemos que o prioritario era recoller o chapapote e trataron de impedilo", evocou, e criticou que, ante o secuestro do Alakrana, o PP "estivo desaparecido até o día 40, cando apareceu para criticar o Goberno central e mentir".
Para rematar, o parlamentario da formación frontista afirmou que a "reacción social" ante o naufraxio do petroleiro "non estivo precociñada", senón que o pobo "saíu á rúa, sen siglas, para defender a dignidade de Galiza" ante as "mentiras" que se verqueron. "Mentiuse até chegar a negalo", salientou, e atribuíu estas "falsidades conscientes e deliberadas" a "razóns político-electorais".
Xuízo
Finalmente, sobre a dilación do proceso xudicial levado a cabo no Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión, Daniel Varela considerou que "era evidente" que o xuízo "ía tardar moito", posto que se trata de "unha cuestión moi complicada, con moito diñeiro polo medio e un gran compoñente internacional".
Con el coincidiu Bieito Lobeira, para quen "o armazón de intereses económicos tan importante" sumado a que a sala de Corcubión carece "dos medios persoais e materiais para facer fronte a un caso de tal magnitude", causa unha gran dilación. En todo caso, expresou o seu desexo de que se resolva “canto antes".
Os "problemas" do xulgado tamén levaron a Carme Gallego a rexeitar fixar unha data para o xuízo no que están imputados, ademais de López Sors, o capitán do buque, Apostolos Mangouras, o xefe de máquinas, Argyropoulos Nikolaos, e o primeiro oficial, Ireneo Maloto.