PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Control das comunicacións
A espionaxe depende da enerxía

Redacción .  A meirande base de datos secretos dos EE UU constrúese en Utah. Só poderá funcionar se aumenta exponencialmente a produción enerxética

Reloxo 15.11.2009 | 09:43

Centro de operacións secretas da Axencia Nacional de Seguridade dos EE UU perto de Múnic, no 2001. Centro de operacións secretas da Axencia Nacional de Seguridade dos EE UU perto de Múnic, no 2001.. REUTERS

Ramón Lugrís é membro do Consello Reitor do Igadi.

¿Canta información hai almacenada nas enormes bases de datos que diferentes Estados recollen a través de sistemas de interceptación de comunicacións?  Nun recente informe preparado por un think tank do Pentágono dos EE UU –a MITRE Corporation(1)– , a medida que melloran os sensores que permiten a vixilancia das comunicacións, o volume de dato aumenta exponencialmente até chegar ao nivel de “Yotabitios” (bitios elevados á potencia 24), equivalentes a un cuatrillón (unidade seguida de 24 ceros) de páxinas de texto. Eses datos son analizados por supercomputadores para determinar se, nese océano de información, hai alguén que é –ou pode chegar a ser– un terrorista.
 
O PP desencadeou hai poucos días unha polémica pola utilización que fai o Estado español de SITEL, sistema de interceptación de datos, que mercara Mariano Raxoi cando era ministro do Interior, por valor de 10 millóns de euros. Os obxectivos do PP, ao criticar, a aplicación do sistema non teñen que ver co fondo do problema de utilizar sistemas de interceptación de comunicacións, senón con tratar de deixar sen base legal as informacións que levaron á imputación dos implicados na chamada “trama Gürtel”. A potencia de SITEL, alén de que as informacións recollidas están autorizadas por xuíces, non se pode comparar co sistema ultrasecreto que a Axencia Nacional de Seguridade (NSA) dos EE UU está instalando no deserto do Estado de Utah. Mais pode ser considerado como un exemplo máis dos sistemas que en todo o mundo están esculcando as vidas dos cidadáns.
 
Un libro publicado nos EE UU, O centinela secreto: A historia nunca contada da Axencia Nacional de Seguridade(2), recolle unha colección de documentos desclasificados que, tras anos de investigación, acadou xuntar Matthew M. Aid, militar que cumpriu servizo como membro da NSA especialista en interpretación do ruso e que foi arrestado e condeado por un consello de guerra por apropiarse dunha serie de documentos “top secret”. Agora investiga no Arquivo Nacional.  

O libro pasa revista a unha serie de acontecementos da historia do século XX que, a través dos documentos desclasificados, presentan aspectos descoñecidos e moi reveladores. Por exemplo, que non foi a primeira vez durante a preparación da invasión do Iraq que membros das administracións estadounidenses e altos xefes militares adaptaron á sua conveniencia as informacións dos servizos de intelixencia cando estas non casaban coas suas ideas ou políticas preconcibidas e non tiveron en conta datos contrarios aos seus desexos. Xa acontecera o mesmo cando as guerras de Corea e de Vietnam, con resultados catastróficos para os Estados Unidos. O libro tamén analiza os cambios que a NSA foi introducindo nos seus métodos de acordo coa mellora dos sistemas informáticos, até chegar a ese monstro que recolle datos de todo o mundo en Utah.

Máis consumo que Salt Lake City
 
O autor considera que a inmensa morea de datos pouco menos que está afogando a NSA e que na sua maioría se trata de informacións que nunca chegarán a ser traducidas ou descifradas, problemas que, segundo parece, poden resolverse con novos métodos (hai un plan, Turbulence, capaz de facelo). Mais o problema fundamental, curiosamente, é outro: a necesidade de enerxía. Actualmente, o centro que a NSA está construíndo no deserto, por un custo de 2.000 millóns de dólares, vai consumir unha cantidade de enerxía equivalente á que consome a capital do Estado, Salt Lake City.  A factura anual da electricidade chega a 700 millóns de dólares, e a axencia está pedindo máis recursos para construír novos xeradores eléctricos máis potentes. O Congreso dos EE UU non está moi conforme. A enerxía eléctrica, no caso da NSA, é  poder político. Como dí o autor, a divisa da Axencia é o quilovatio. Máis enerxía eléctrica garante maiores centros de datos, que, á sua vez, xeran a necesidade de máis acceso ás comunicacións telefónicas e de correo electrónico e, por conseguinte, menos privacidade. Cantos máis datos chegan, máis informes produce a axencia, e canto máis informes produce, maior é o seu poder político.

De momento, aínda que non falta quen aconselle pechar a axencia para non perder tantos cartos, non parece que a Administración Obama vaia ir por ese camiño, tendo en conta a sua política de manter a guerra de Afganistán. Con todo, si, como moitos observadores vaticinan, a guerra fracasa, pode que se chegue á conclusión de que a NSA non é rendíbel. En troco, podería ser un exemplo a evitar por outros sistemas de esculca que, pola súa natureza, tenden a facérense cada día máis complexos e invasivos.
 
==========
(1) The MITRE Corporation, “Data Análysis Challenges” (decembro de 2008), páx. 13 [citado por  James Bamford, “Who’s in Big Brother’s Database?”, in The New York Review of Books, 5 de novembro de 2009.

(2) Matthew M. Aid, ‘The Secret Sentry: The Untold Story of the National Security Agency’, Bloomsbury, 2009.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río