Europa Press . A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) afirmou que 10.000 toneladas dos residuos recollidos tras o accidente do Prestige nas costas galegas continúan aínda 'acumulados' na planta de Sogarisa, nas Somozas, sen ser tratados e alertou de que tras o a catástrofe provocada hai sete anos polo petroleiro, as rías 'cada vez producen menos'.
Planta de reciclaxe dos residuos do 'Prestige'.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, asegurou que das 80.000 toneladas de residuos inicialmente destinadas ás Somozas, na actualidade permanecen 10.000 "acumuladas" en "balsas improvisadas nun primeiro momento" e "sine die", esperando a ser tratadas.
Aínda que Eirexas confiou en que este fuel permaneza "nas condicións adecuadas", indicou que a premisa inicial de ser "tratados rapidamente" non se cumpriu e "a día de hoxe permanecen amontoados" na planta mentres "Xunta e Estado se pasan a pelota" sobre o custo desta actuación.
"A Xunta pretende mirar para outro lado e eludir responsabilidades", indicou o secretario executivo de Adega, que acusou o Goberno de alargar o proceso por reclamar fondos ao Estado para o tratamento dos residuos.
Efectos a longo prazo
Cando se cumpre o sétimo aniversario da catástrofe do Prestige, Fins Eirexas mostrou a súa preocupación polos "efectos crónicos e a longo prazo" da presenza de fuel na costa galega, dado que "estes contaminantes son acumulativos nos organismos vivos" e ao longo da cadea trófica recaen nos consumidores de peixes e mariscos.
Nesta liña, e aínda que asegurou que a "gran capacidade de recuperación da costa galega" provocou que se superase a "fase aguda", Eirexas criticou que "até agora practicamente non hai feitos estudos serios" sobre os efectos a longo prazo da contaminación do Prestige.
Concretamente, Fins Eirexas sinalou que a Universidade de Vigo, coa investigadora Ana Bernabeu, está analizando agora os efectos a longo e medio prazo sobre o ecosistema das "toneladas de fuel" que permanecen enterradas nos areais galegos e en rocas "de difícil acceso" como "unha bomba de reloxería de liberación lenta" para a costa galega.
Con todo, o responsábel de Adega indicou que non se realizaron suficientes estudos para relacionar picos de diminución brusca da produtividade de determinadas especies cos efectos contaminantes do fuel. En concreto, alertou de que o polbo "non recuperou aínda a súa produtividade" anterior, as mareas negras "teñen unha incidencia cada vez maior", o lagostino "está practicamente extinta" e as rías galegas "cada vez producen menos". "Non é probabelmente a única causa, pero non se fixeron estudos serios para saber en que medida o Prestige influíu nisto", sentenciou.
Descargar Tarifas