Xan Carballa . O proxecto de amosar os orixinais da lírica medieval galega e destacar a importancia política e cultural de Galiza na época non interesou ao conselleiro de Cultura de Fraga para o Xacobeo 2004, e agora é exposición estrela en Murcia.
A sala San Esteban de Murcia expón desde o pasado 27 de outubro e até o 31 de xaneiro de 2010, por primeira vez en dous séculos, os catro códices das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio. Obras en galego, aspecto que non aparece na información promocional, que se amosan xunto a outras 250 pezas, nunha mostra comisariada por Isidro G. Bango Torviso, grande coñecedor do románico galego. A exposición está organizada pola Comunidade Autónoma murciana, o concello da capital e CAM (Caixa de Aforros do Mediterráneo). A trabe de ouro da mostra son eses catro orixinais das Cantigas de Santa María: dous deles radicados no mosteiro do Escorial, un terceiro na Biblioteca Nacional e o cuarto na Biblioteca de Florencia. Esas pezas eran tamén o centro do ambicioso proxecto expositivo que o Consello da Cultura lle propuxo á Xunta para protagonizar unha das mostras senlleiras do Xacobeo 2004, cando á fronte do goberno estaba Fraga e en Cultura exercía Xesús Pérez Varela. O proxecto decaeu porque ás autoridades políticas non lle pareceu de interese. Aquel Ano Santo festexárase segundo a reseña oficial, con 150 festivais de música pop-rock,1.000 actos culturais, 1.100 actuacións de teatro, música e danza, 55 concertos do Festival Internacional de Música de Galicia, 350 congresos, 110 eventos deportivos e 275 exposicións. Non houbo cartos para a que podía ser a exposición de máis prestixio sobre a lírica medieval galega aínda que si se gastou en traer, entre outros moitos grupos, os Red Hot Chili Peppers, Chemical Brothers ou The Cure. Ocupar o Pazo de Xelmírez A que provisoriamente foi primeira sede do Parlamento galego en 1981, ía ser o lugar para que botase a andar a mostra “Santa María estrela do día. O humano e o divino nas Cantigas de Santa María”. O obxectivo dos organizadores era “a comprensión por parte do público dunha maneira rápida e lúdica do mundo medieval a partir do texto e as miniaturas das Cantigas de Santa María”. Tratábase de facer un itinerario que fose do mundo popular até chegar ao da corte, tocando diferentes aspectos da relixiosidade medieval. No informe presentado á Xunta describíase pormenorizadamente que era a partir dos textos e as miniaturas das cantigas como se lle explicaría aos visitantes “o mundo do campo, do mar, dos oficios, dos gremios e das profesións; lugares como as boticas e as tabernas, facendo especial mención ás mulleres e aos nenos na Idade Media” Tamén se explicaba a sala na que estarían os manuscritos orixinais das Cantigas de Santa María. Alí se abordaría a relación de Galicia e as Cantigas, a lingua galega no mundo medieval en xeral e na propia obra de Afonso X. Outro espazo estaría dedicado á guerra vista desde as mesmas cantigas. Antes de saír definitivamente da exposición, na última sala, iría un mapa de Galicia e outro de Europa cos lugares mencionados ou referenciados nas Cantigas de Santa María e os de culto mariano europeo medieval. A maiores o proxecto incluía unha importante reahabilitación do edificio de Xelmírez.
Facsímil das Cantigas de Santa María, Virxe Abrideira de Allariz e Pérez Varela cando era conselleiro
Descargar Tarifas