PUBLICIDADE
Mércores, 10 de marzo de 2010
PERO FALA DE 'IMPOSICIÓN' CO BIPARTITO
Lorenzo asume un texto crítico co PP publicado en ANT

Redacción .  O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recoñeceu o mércores a súa postura crítica co PPdeG en 2008, nun artigo que escribiu para A Nosa Terra, 'Política lingüística e consenso en Galicia', e no cal afirmou que os 'populares' se afastaban do consenso lingüístico na 'busca dun rédito político'.

Reloxo 05.11.2009 | 07:34
TAGS: lingua , Anxo Lorenzo ,

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística. AGN Paralelamente, Lorenzo constatou unha "sensación de imposición" na sociedade debido ás políticas lingüísticas do bipartito, como o decreto do galego no ensino ou a normativa sobre a rotulación nos comercios, aprobadas nesa época.

Durante o debate na Comisión de Educación, o deputado socialista Xosé Manuel Laxe Tuñas preguntoulle ao alto cargo do Goberno se é "compatíbel" criticar en 2008, antes de que accedese ao Executivo liderado por Alberte Núñez Feixóo, o PPdeG coa defensa das súas políticas actuais e enumerou diversas publicacións en prensa xunto co mencionado artigo, publicado en ANT en maio de 2008, para recordar a súa postura crítica cara aos populares durante o mandato do bipartito.

Discusión sobre a literalidade do artigo

"Teño que recoñecer o que eu escribín, pero non o que escriben de min que dixen. O que recoñezo como propio é o artigo, pero non recoñezo a autoría" do resto de frases que citara o parlamentario do PSdeG, quen o acusou de ser "pouco nobre" por dubidar do transcribido e quen lle recordou que el participara na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).

"Estou orgulloso do resultado do plan", afirmou segundo recolle Europa Press na quenda de réplica, pero matizou que os "ritmos de aplicación" non son iguais aos dunha lei, que é "inmediata". Non obstante, Laxe Tuñas recordoulle que o decreto do galego que o Goberno de Feixóo prevé derrogar desenvolve ese plan no que coparticipou.

"Unha parte da sociedade viviu esas medidas (o decreto ou a lei do comercio) con desafección e interpretounas como imposición", afirmou e engadiu que "iso" ségueo pensando. Con todo, recalcou que asume o que dixo "de puño e letra", ao tempo que avalou as medidas que se están a adoptar agora.

Chamada ao consenso

Así as cousas, realizou, por dúas veces, unha apelación ao "consenso" lingüístico entre as forzas políticas e certificou que o galego "ten un papel central" nas políticas do Goberno autonómico, porque "o multilingüismo hai que mantelo e é unha riqueza".

"Fago unha chamada seria para poñer o galego fóra da disputa política", recalcou, para afastarse da "confrontación". Así mesmo, dixo que o Goberno aposta pola "igualdade plena do galego e o castelán".

O deputado socialista, pola súa banda, lamentou que o secretario xeral "criticase con dureza" o "movemento nacionalista español" contra o galego e preguntouse se agora "está incluído" nel.

Do mesmo xeito, avisouno de que os seus dirixentes "son os que combateron o galego" e alertou de que "está a ser cómplice" dun executivo "contrario á promoción do galego" que leva a épocas "preconstitucionais".

Haberá axudas para os equipos de normalización en xaneiro

Por outro lado, a deputada do BNG Carme Adán preguntou polas axudas aos equipos de normalización lingüística e sobre o seu futuro, ante o que Lorenzo confirmou que non se van suprimir e que a próxima convocatoria realizarase en xaneiro.

Así, tras recoñecer un "atraso" con respecto do curso anterior (cando gobernaba o bipartito), o secretario xeral de Política Lingüística comprometeuse a tratar de acurtar os prazos para o seguinte período e realizar a convocatoria "antes de setembro".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río