Redacción . Zeltia Montes, a compositora da banda sonora de Pradolongo, está nominada aos premios 'Hollywood Music in Media' na categoría de Mellor Composición Novel polo seu traballo nesta longametraxe rodada en Galiza. A propia organización dos HMMA (Hollywood Music in Media Awards) foi a encargada de darlle a nova á compositora galega.
Zeltia Montes foi nomeada aos prestixiosos premios Hollywood Music in Media Awards na categoría de Mellor Compositor Novel polo tema principal da banda sonora da película Pradolongo dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes.
Os HMMA elixen tan só un reducido grupo de nomeados de entre miles de obras presentadas a concurso dende todo o mundo entre os meses de votacións –entre xuño e outubro de 2009. Os cinco nomeados na categoría de Mellor Compositor Novel son:
Leah Curtis - Southwest of Here (Original Motion Picture Soundtrack);
Zain Effendi – Gagetown
; Amanda Lee Falkenberg - Forgotten Arabia
; Zeltia Montes – Pradolongo; e Shawn Clement - Universe of Possibliites
. Os HMMA son tamén a primeira cerimonia adicada á música que recoñece e premia a excelencia en supervisión musical. O xurado dos galardóns está composto por visionarios da industria e inclúe supervisores musicais, responsábeis de librarías musicais, produtores, publicistas, xornalistas, artistas, representantes, editores e outros profesionais do entretemento.
O músico Nani García, a compositoria Zeltia Montes, o director de orquestra David Etheve e o director Ignacio Vilar, nunha xornada da gravación da música de Pradolongo
O evento principal terá lugar o xoves, 19 de novembro de 2009 ás 19:30 horas (hora local en Los Ángeles) no mundialmente coñecido Teatro Kodak.
Os premios Hollywood Music in Media Awards recoñecen e premian a música para medios visuais, o talento dos individuos responsábeis dela, e tanto a música comercial como a de artistas independentes de todo o mundo polas súas composicións e gravacións para todo tipo de formatos incluíndo cine, TV, videoxogos, anuncios, trailers e vídeos musicais.
Producida por Vía Láctea Filmes Pradolongo conta coa participación de TVG e coa axuda da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, da Axencia Audiovisual Galega e da Deputación de Ourense. Tamén contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual, Turgalicia e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A compositoria Zeltia Montes, graduada con dobre licenciatura na prestixiosa Berklee College of Music de Boston, tamén viu recoñocido o seu traballo en Pradolongo co premio Director´s Choice Gold Medal for Excellence, co Premio ao Maior Impacto Musical nunha Película na 6ª Edición do Park City Film Music Festival de Utah (EEUU), e o Moondance Atlantis Award de Colorado (EEUU).
En España tamén se fixo co Premio Jerry Goldsmith na categoría de Mellor Banda Sonora Orixinal para Longametraxe no IV Congreso Internacional de Música de Cine Ciudade de Úbeda 2008. Nese mesmo certame recibiu tambén o Premio Jerry Goldsmith Award ao mellor compositor Novel.
Na actualidade Zeltia reside en Los Ángeles e combina a súa actividade como compositora para música de cine e televisión coa composición de obras para distintas orquestras.
Descargar Tarifas