Europa Press . A xuíza titular do Xulgado de Instrución número tres de Lugo, Estela San José, ordenou a liberdade sen fianza, aínda que suxeita ás dilixencias que se lle practiquen, para a vicepresidenta segunda da Deputación provincial, a socialista Lara Méndez, que prestou declaración nos xulgados desde case as 20.00 horas de onte á tarde.
Sede do Inludes.
Á súa saída, a propia Lara Méndez confirmou que fora detida onte á mañá cara ás 10.00 horas e que permaneceu en dependencias policiais até as 16.00 horas, momento no cal se practicou o rexistro do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (Inludes), entidade da que é máxima responsábel.
Pasadas as sete da tarde, Lara Méndez foi conducida a dependencias do xulgado, onde se lle tomou declaración, en compañía dunha técnica de emprego á que deixou en liberdade a xuíza, sen fianza e sen cargos.
Segundo confirmou o avogado de Lara Méndez, Padro González Fenda, a súa clienta "permaneceu detida unhas horas até que quedou en liberdade" e afirmou que finalmente non se lle imputou ningún cargo" á vez que recordou que "as dilixencias son secretas por agora e polo tanto non se pode facer ningún comentario máis". No entanto matizou que a vicepresidenta se atopa "suxeita ás dilixencias que se practiquen".
“Tranquila”
Aínda que non haxa imputación, o avogado especificou que iso "non significa que non a vaia haber". "Da documentación requirida non tivemos acceso a ela", indicou o letrado, que precisou que no despacho da súa clienta "non se colleu documentación de ningún tipo".
A vicepresidenta, pola súa banda, confesou que o vivido onte non fora "unha experiencia grata", a pesar do cal dixo sentirse "tranquila". "Nós actuamos con cargo á lei, regularmente e nese aspecto, tranquila a pesar de que non é un prato de bo gusto para ninguén, pero tranquila", reiterou.
Méndez apuntou así mesmo que se facilitou toda a documentación que lle requiriron desde o xulgado, á vez que relatou que ao chegar ao seu despacho de Santa María os axentes comunicáronlle que estaba detida, "en relación ao tema de Castro de Rei" asegurou.
Descargar Tarifas