A Federación de Entidades Culturais
En 1989 fundouse en Barcelona a Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (FEGALCAT), un ente para agrupar e representar as numerosas asociacións culturais de galegos espalladas polo territorio catalán. O primeiro presidente da Federación, e un dos seus promotores, foi Ernesto Lagarón Vidal, que á súa vez xa presidía desde 1982 a agrupación cultural Saudade.
Lagarón perpetuouse na presidencia da federación durante 16 anos, apoiado polo agora detido Manuel Dobarco, quen exerceu a secretaría entre 1994 e 2005, en representación de Airiños da Nosa Galicia de Santa Coloma.
Neste tempo, Lagarón foi conquerindo un gran poder entre a colectividade de emigrantes, e estreitando relacións con destacadas personalidades da política galega e catalá. Pero no ano 2005, as eleccións á presidencia da Federación deparáronlle unha sorpresa: a súa candidatura saíu derrotada por primeira vez, por un voto de diferencia. Dos 15 colectivos que participaron nas eleccións, oito déronlle o seu voto á candidatura alternativa encabezada por Luís Lamas, por entón director do Centro Galego de Barcelona (CGB). Deste xeito, paralelamente ao que acontecera na Xunta de Galicia uns meses antes, produciuse o relevo no poder no mundo do asociacionismo galego-catalán.
Na actualidade, a FEGALCAT agrupa unha ducia de colectivos. A xunta directiva está composta polo presidente Luís Lamas (Centro Galego de Barcelona); a vicepresidenta Isabel Ares (Irmandade Nosa Galiza de Mollet del Vallès), o secretario Domingo Balboa (Cova da Serpe); e o tesoureiro Fidel Castro (Toxos e Xestas).
A agrupación Saudade
A asociación Saudade, domiciliada na barcelonesa rúa Chapí, é dende hai 20 anos o foro particular de poder de Ernesto Lagarón. Baixo a súa presidencia, Saudade converteuse nunha das entidades culturais máis potentes economicamente, caracterizada pola organización de galas-banquetes nas que adoita haber unha nutrida representación institucional de todas as cores políticas. A cea do Entroido que organiza anualmente a entidade contou coa asistencia de Xosé Blanco e Artur Mas no 2006 e co presidente José Montilla no 2008, por citar algúns exemplos. Pero o golpe de efecto máis recente foi a visita do presidente Alberte Núñez Feixóo, quen na súa primeira e fugaz viaxe a Cataluña logo de acceder á Xunta, elixiu Saudade para a súa presentación; nin o centenario Centro Galego, nin a FEGALCAT.
Saudade, e tamén a FEGALCAT, deberon constituír para Lagarón plataformas nas que tecer unha importante rede de contactos, a xulgar polos destacados cargos e recoñecementos que acumula: no 2001 recibiu da Xunta a Medalla Galicia, dende o 2006 é conselleiro da asemblea xeral de Caixa Galicia en representación do Ajuntament de Barcelona, e tamén é membro da comisión delegada do Consello das Comunidades Galegas, o órgano de representación dos galegos residentes no exterior.
AEGALCAT, a federación paralela
O desfavorábel resultado das eleccións á presidencia da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña non foi aceptado nin por Ernesto Lagarón, até o momento presidente, nin por Manuel Dobarco, secretario, quen chegaron a denunciar xogo suxo por parte do seu opoñente, Luís Lamas.
A primeira medida de protesta foi o abandono da FEGALCAT por parte de Saudade, Airiños de Santa Coloma e outros colectivos afíns. E o seguinte paso foi a constitución dunha especie de federación paralela, a AEGALCAT, que fixo a súa presentación pública en maio. Xunto con Lagarón e Dobarco, completan a directiva da AEGALCAT a vicepresidenta Silvia Castañeda (Irmandade Galega de Rubí), o tesoureiro Antonio Rodríguez Rodríguez (Irmandade O Noso Lar de Terrassa) e o vogal Mariano Rodríguez Macía, este último, presidente do Foro da Terra Galega de Barcelona, un colectivo de empresarios que concede anualmente o galardón “galego do ano” e que no 2003 recaeu, por certo, en Ernesto Lagarón.
A AEGALCAT está apoiada, ademais, pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGACA-CAT), presidida por Xulio Fernández, da empresa Filmax. O empresario do audiovisual xa colaborara anteriormente con Lagarón na posta en marcha do “Gran Encontro de Galegos do Mundo”, unha publicitada macro feira celebrada en Barcelona nos anos 2005 e 2006, na que se mesturaban negocios, promoción gastronómica e turística e actividades culturais.
A alternativa: Rede.cat
Na última década, e en especial a partir da crise de Prestige, xurdiron en Cataluña novas formas de asociacionismo galego, con proxectos de acción arredados das manifestacións ás veces folclóricas que predominan en moitas das asociacións tradicionais. A Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya non foi quen de integrar estoutros colectivos.
O cambio de poder na Xunta, e logo do anuncio efectuado pola Dirección xeral de Creación e Difusión Cultural de despregar unha programación cultural galega estábel en Cataluña, en colaboración coas asociacións locais, propiciou o estabelecemento dunha nova rede asociativa protagonizada pola nova xeración de colectivos. O resultado plasmouse en outubro de 2006, coa creación da plataforma Rede.Cat, á que se adheriron os Espazos Galegos dos Països Cataláns, o grupo teatral Furafollas, o Foro Cívico Galego de Barcelona, Ergac, os lectorados de galego da Universitat de Barcelona, da Universitat Autònoma de Barcelona, e o Centro Galego de Barcelona. Rede.Cat tivo o seu cumio na organización do festival Sons Galiza. Na actualidade, atópase nun proceso de redefinición dos seus obxectivos.
Descargar Tarifas