PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
BLOG HELENA DOMÍNGUEZ
Helena
Domínguez
Xornalista
Quen é quen nos Galegos de Catalunya
O ruxe-ruxe destes días na colectividade galega de Barcelona é a detención, no marco da operación Pretoria, do concelleiro de Urbanismo de Santa Coloma de Gramenet, Manuel Dobarco Touriño, acusado de corrupción urbanística. Dobarco, secretario da entidade Airiños da Nosa Galicia, participaba activamente no tecido asociativo galaico, aínda que dunha forma silandeira e afastada das cámaras e dos fastos. Á súa beira, á calor do poder económico e das influencias políticas, foron medrando outros dirixentes de entidades galegas. Para non perderse no crebacabezas do asociacionismo galego en Cataluña, a continuación, presento algúns dos principais actores.
 03.11.2009 | 12:33

A Federación de Entidades Culturais

En 1989 fundouse en Barcelona a Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya (FEGALCAT), un ente para agrupar e representar as numerosas asociacións culturais de galegos espalladas polo territorio catalán. O  primeiro presidente da Federación, e un dos seus promotores, foi Ernesto Lagarón Vidal, que á súa vez xa presidía desde 1982 a agrupación cultural Saudade.

Lagarón perpetuouse na presidencia da federación durante 16 anos, apoiado polo agora detido Manuel Dobarco, quen exerceu a secretaría entre 1994 e 2005, en representación de Airiños da Nosa Galicia de Santa Coloma.

Neste tempo, Lagarón foi conquerindo un gran poder entre a colectividade de emigrantes, e estreitando relacións con destacadas personalidades da política galega e catalá. Pero no ano 2005, as eleccións á presidencia da Federación deparáronlle unha sorpresa: a súa candidatura saíu derrotada por primeira vez, por un voto de diferencia. Dos 15 colectivos que participaron nas eleccións, oito déronlle o seu voto á candidatura alternativa encabezada por Luís Lamas, por entón director do Centro Galego de Barcelona (CGB). Deste xeito, paralelamente ao que acontecera na Xunta de Galicia uns meses antes, produciuse o relevo no poder no mundo do asociacionismo galego-catalán.

Na actualidade, a FEGALCAT agrupa unha ducia de colectivos. A xunta directiva está composta polo presidente Luís Lamas (Centro Galego de Barcelona); a vicepresidenta Isabel Ares (Irmandade Nosa Galiza de Mollet del Vallès), o secretario Domingo Balboa (Cova da Serpe); e o tesoureiro Fidel Castro (Toxos e Xestas).

A agrupación Saudade

A asociación Saudade, domiciliada na barcelonesa rúa Chapí, é dende hai 20 anos o foro particular de poder de Ernesto Lagarón. Baixo a súa presidencia, Saudade converteuse nunha das entidades culturais máis potentes economicamente, caracterizada pola organización de galas-banquetes nas que adoita haber unha nutrida representación institucional de todas as cores políticas. A cea do Entroido que organiza anualmente a entidade contou coa asistencia de Xosé Blanco e Artur Mas no 2006 e co presidente José Montilla no 2008, por citar algúns exemplos. Pero o golpe de efecto máis recente foi a visita do presidente Alberte Núñez Feixóo, quen na súa primeira e fugaz viaxe a Cataluña logo de acceder á Xunta, elixiu Saudade para a súa presentación; nin o centenario Centro Galego, nin a FEGALCAT.

Saudade, e tamén a FEGALCAT, deberon constituír para Lagarón plataformas nas que tecer unha importante rede de contactos, a xulgar polos destacados cargos e recoñecementos que acumula: no 2001 recibiu da Xunta a Medalla Galicia, dende o 2006 é conselleiro da asemblea xeral de Caixa Galicia en representación do Ajuntament de Barcelona, e tamén é membro da comisión delegada do Consello das Comunidades Galegas, o órgano de representación dos galegos residentes no exterior.

AEGALCAT, a federación paralela

O desfavorábel resultado das eleccións á presidencia da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña non foi aceptado nin por Ernesto Lagarón, até o momento presidente, nin por Manuel Dobarco, secretario, quen chegaron a denunciar xogo suxo por parte do seu opoñente, Luís Lamas.

A primeira medida de protesta foi o abandono da FEGALCAT por parte de Saudade, Airiños de Santa Coloma e outros colectivos afíns. E o seguinte paso foi a constitución dunha especie de federación paralela, a AEGALCAT, que fixo a súa presentación pública en maio. Xunto con Lagarón e Dobarco, completan a directiva da AEGALCAT a vicepresidenta Silvia Castañeda (Irmandade Galega de Rubí), o tesoureiro Antonio Rodríguez Rodríguez (Irmandade O Noso Lar de Terrassa) e o vogal Mariano Rodríguez Macía, este último, presidente do Foro da Terra Galega de Barcelona, un colectivo de empresarios que concede anualmente o galardón “galego do ano” e que no 2003 recaeu, por certo, en Ernesto Lagarón. 

A AEGALCAT está apoiada, ademais, pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGACA-CAT), presidida por Xulio Fernández, da empresa Filmax. O empresario do audiovisual xa colaborara anteriormente con Lagarón na posta en marcha do “Gran Encontro de Galegos do Mundo”, unha publicitada macro feira celebrada en Barcelona nos anos 2005 e 2006, na que se mesturaban negocios, promoción gastronómica e turística e actividades culturais.

A alternativa: Rede.cat

Na última década, e en especial a partir da crise de Prestige, xurdiron en Cataluña novas formas de asociacionismo galego, con proxectos de acción arredados das manifestacións ás veces folclóricas que predominan en moitas das asociacións tradicionais. A Federación de Entidades Culturais Galegas de Catalunya non foi quen de integrar estoutros colectivos.

O cambio de poder na Xunta, e logo do anuncio efectuado pola Dirección xeral de Creación e Difusión Cultural de despregar unha programación cultural galega estábel en Cataluña, en colaboración coas asociacións locais, propiciou o estabelecemento dunha nova rede asociativa protagonizada pola nova xeración de colectivos. O resultado plasmouse en outubro de 2006, coa creación da plataforma Rede.Cat, á que se adheriron os Espazos Galegos dos Països Cataláns, o grupo teatral Furafollas, o Foro Cívico Galego de Barcelona, Ergac, os lectorados de galego da Universitat de Barcelona, da Universitat Autònoma de Barcelona, e o Centro Galego de Barcelona. Rede.Cat tivo o seu cumio na organización do festival Sons Galiza. Na actualidade, atópase nun proceso de redefinición dos seus obxectivos.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río