Redacción . A Mesa pola Normalización Lingüística celebra hoxe no Centro Galego de Barcelona unha xuntanza na que convoca a todas as persoas interesadas no traballo en defensa da lingua e da cultura galegas.
Fran Rei, á dereita, de Queremos Galego
No encontro, que se celebra ás 20h00 no Centro Galego de Barcelona (Rambla dels Caputxins, 35–37), participará o vicepresidente e coordinador organizativo das zonas da Mesa, Fran Rei, quen tamén é integrante da comisión xestora da plataforma cívica “Queremos Galego”.
A asemblea aberta que A Mesa celebra hoxe en Barcelona ten por obxectivo impulsar a extensión das diferentes campañas e iniciativas que a entidade desenvolve á comunidade galega residente en Catalunya e posibilitar a creación dunha estrutura organizativa estábel semellante ás xa existentes dentro de Galiza e mesmo nalgunhas zonas en que existe unha importante comunidade emigrada, como é o caso de Madrid. Mellorar o contacto e favorecer a implicación activa das numerosas socias e socios que a asociación ten neste ámbito é unha das apostas estratéxicas da Mesa no plano organizativo.
No acto deste serán tamén se informará das diferentes iniciativas e accións que programa desenvolver a plataforma cidadá “Queremos Galego”, coa previsión de estendelas ao ámbito de Barcelona, na liña do que tamén se está a facer noutros puntos da emigración.
Ademais, mañá ás 15h00, Fran Rei impartirá unha conferencia sobre a situación da lingua galega e sobre o movemento social creado en Galiza na defensa da súa normalización. Será na aula 601 da Facultat de Lletres da UAB, no Campus de Bellaterra, en Cerdanyola del Vallès.
Descargar Tarifas