PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
Alcalde de Castro de Rei
Xoán Xosé Valiño: 'Descoñecemos os cargos que se nos imputan'

Europa Press O alcalde de Castro de Rei, o socialista Xoán Xosé Díaz Valiño, defende a legalidade das adxudicacións realizadas con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Municipal (FEIL) e asegura que non dimitirá do seu cargo, tras ser detido no marco dun rexistro no concello o pasado luns. O rexedor, en liberdade sen fianza xunto cos tres edís tamén arrestados, declara descoñecer os cargos que se lle imputan, tanto a el, como aos seus compañeiros.

Reloxo 31.10.2009 | 09:43

Concentración veciñal en apoio o alcalde de Castro de Rei e os edís detidos Concentración veciñal en apoio o alcalde de Castro de Rei e os edís detidos. Xosé Marra

Nunha rolda de prensa, que se celebrou na sede do PSOE de Lugo en Castro de Rei, explicou que o obxectivo da investigación que segue a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, Estela San José, atende á "adxudicación de obras a empresas da zona e bisbarra, fundamentalmente do FEIL", das que defende a súa "legalidade", baseándose nos informes técnicos xurídicos.

Neste sentido, expuxo que se trata de nove proxectos e que "foron legalmente adxudicados a oito empresas", pero matizou que, como dúas delas renunciaron, ao final foron seis as empresas adxudicatarias.

En todo momento subliñou, malia o segredo sumarial, que "os expedientes que se tramitaron foron legais". Valiño mantivo que, "cos expedientes administrativos revisados no concello, se pode comprobar en todos os casos que se cumpriron escrupulosamente as esixencias legais".

“Nada irregular”

Neste punto, trouxo a colación as declaracións dos responsábeis públicos municipais do PP e do BNG que manifestaron "que non atopaban en ningunha acta da xunta de goberno nada que fora irregular", recordou o rexedor. En todos eles, constan os preceptivos informes técnicos e xurídicos "que avalan a legalidade das adxudicacións realizadas e garanten a transparencia e igualdade de trato a todas as empresas", recalcou o alcalde.

O rexedor de Castro, que pasou dúas noites nos calabozos da comisaria de Lugo, destacou en varias ocasións o feito de que saíra en liberdade sen fianza e afirmou que "non é unha cuestión menor" á espera de que á vista do informe do fiscal se formule ou non algún tipo de acusación. "Ningún dos que comparecemos somos coñecedores dos cargos que se nos imputan e isto o quería deixar claro", reiterou.

 

'Imos limpar o nome do noso querido concello'

Durante a declaración dos seus compañeiros de corporación e da súa propia ante a xuíza, destacou que todos eles contestaron "con toda claridade ás preguntas que se foron formulando e se deron todo tipo de explicacións".

No tramo final da súa intervención, no que se lle asomaron unhas bágoas, quixo "dar as grazas ás familias, amigos e compañeiros de partido que foron testemuñas mudas destes días," que -asegurou- "van borrar con ilusión e con traballo". "Ese é o noso compromiso, imos limpar o nome do noso querido concello de Castro de Rei", engadiu.

Agradecementos

Previamente, agradecera os veciños do concello "pola proximidade, polo cariño e o apoio que deron, que nunca se lles poderá devolver".

Na súa intervención, o alcalde estaba acompañado polos outros dous concelleiros socialistas detidos durante esta intervención xudicial, Ana Canto e Antonio Balado. Tamén foi detido un edil de Terra Galega.

"Tamén quero dar as grazas ao grupo municipal do BNG, a Xurxo Balado e Serafín Carballo. Grazas tamén a todo o PP de Castro de Rei, de xeito especial ao voceiro Francisco Beado e ao ex alcalde Arturo Pereiro, polo seu punto de vista nobre e obxectivo," correspondeu.

Así mesmo, aproveitou para darlle as grazas ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, por non prexulgar os feitos e facer un chamamento para que non se esquecese a presunción de inocencia.

Non obstante, non pasou por alto "o comportamento de certos sectores do PP" ou as formas nas que se realizou o traslado e o acceso aos xulgados, sobre o que preferiu non facer valoracións. "Xulguen vostedes mesmos", resolveu, aínda que falou de trato "exquisito" da Policía Xudicial e dos axentes que estiveron con eles e cualificou o ofrecido pola xuíza de "correcto".

Imputacións

A xuíza impútalle ao alcalde delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias, fraude e exaccións ilegais, segundo fontes xudiciais, mentres que a Ana Canto lle imputa tráfico de influencias, e a Antonio Balado, ao que sumou tamén prevaricación.

Pola súa banda, ao concelleiro de TeGa acúsao de prevaricación, tráfico de influencias, fraude e exaccións legais. Todos eles se atopan en liberdade provisional, sen fianza, segundo precisaron as mesmas fontes, mentres que a instrución continúa.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río