O PP vive unha nova guerra interna, desta volta na polvoreira madrileña, onde Esperanza Aguirre compite con Mariano Raxoi polo liderado do partido con meirande tensión que nos días previos ao congreso de Valencia.
A polémica polo relevo na dirección de Caja Madrid ten diferentes facetas que converten o PP nestes días nunha maraña de intereses. As declaracións do vicealcalde de Madrid, Manuel Cobo, acusando a Aguirre de manobrar na sombra para impedir a escolla para a presidencia da caixa do ex vicepresidente do goberno Rodrigo Rato, foron virulentas e obrigaron a presidenta de Madrid a unha reacción inmediata. “Díxome cousas que nin os socialistas se atreveron nunca a dicirme”, manifestou.
A xogada foi mestra por parte do alcalde madrileño, Alberto Ruiz-Gallardón. É imposíbel que non contase co apoio de Mariano Raxoi na ofensiva contra Aguirre e agora xa dá por vencida a guerra xustamente ante o silencio do líder popular.
Se é Raxoi quen inspira a ofensiva de Ruiz-Gallardón e Aguirre sábeo, a presidenta madrileña é consciente de que a guerra está aberta e ten que empregarse a fondo para desgastar o presidente do partido e xuntar forzas para conseguir, finalmente, ser candidata á presidencia no 2012. Velaí a importancia de controlar Caja Madrid. A caixa é a quinta entidade bancaria do Estado e ten poder sobre moitas empresas chave no tecido industrial, desde Iberia a Indra. Se á fronte deste xigante está o seu escudeiro Ignacio González, a súa influencia creba as fronteiras do Gran Madrid e consegue ser decisiva en múltiplas operacións. E grazas a ese control, é moito máis fácil controlar os territorios, desde Galicia a Murcia.
Aguirre foi a primeira política que aproveitou explicitamente a posición de poder da Comunidade de Madrid para condicionar a política estatal. A capital ten tanta forza económica e institucional que a día de hoxe a diferenza sobre Raxoi nese sentido é abismal. Poñendo unha metáfora histórica, Aguirre ten un bo feixe de castelos e ferrados de pan que os sustentan, Raxoi é algo así como un “sen terra” incapaz de asegurar o seu liderado.
Por que as présas de Aguirre para desbancar a Raxoi? A lectura máis plausíbel hai que buscala nas enquisas. A crise económica non devala e o desgaste do malestar social sobre o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero é evidente. Pensa o PP que as feridas do aumento espectacular do paro e o pesimismo en todos os sectores significará finalmente un castigo electoral dentro de dous anos e medio.
Aguirre ve as portas abertas da Moncloa para quen lidere esa nova maioría descontenta. E se é Raxoi quen gaña as eleccións, adeus á posibilidade de que ela dirixa o PP, e por conseguinte España, no medio prazo.
Con todo, hai meses por diante e moitos novos episodios da polémica aos que asistir. Raxoi ve ameazado o seu liderado tanto pola trama Gürtel, cada vez con novas ponlas, como polas deslealdades internas, que desde os medios de comunicación, se converten en críticas máis duras que as que recibe o adestrador do Real Madrid, Manuel Pellegrini, tras perder 4-0 en Alcorcón.
Raxoi segue a confiar para resistir no apoio incondicional de Valencia, pero a destitución de Ricardo Costa renxeu demasiado e quizais haxa distanciamento. Galiza e as demais comunidades populares non teñen suficiente peso electoral. A grande esperanza é un cambio de maiorías en Andalucía, onde Javier Arenas xa se ve como futuro presidente.