Xurxo González . A zona máis afectada é a comarca de Ferrol, onde os expedientes de regulación se suceden.
As consecuencias da política eólica da Xunta comezan a notarse na destrución de emprego. Aínda que o sector non pasa polo seu mellor momento en todo o Estado, a situación en Galicia presenta particularidades que agravan a crise. O modelo empregado polo goberno de Núñez Feixóo para derrogar o decreto eólico promovido polo bipartito e redactar unha nova lei non convence os promotores eólicos. A inseguridade xurídica e a instauración do canon medioambiental provocou que a Asociación Eólica de Galicia (EGA), a maior asociación da patronal deste sector, rompa o seu tradicional silencio para criticar o goberno galego. Os promotores eólicos, tanto os que conseguiron cota de potencia eólica no concurso pilotado polo ex-conselleiro nacionalista Fernando Blanco, como outros que quedaron fóra, enfróntanse ao goberno do PP, xa que as disposicións que tomou até agora provocaron a paralización non só da instalación da nova potencia eólica outorgada polo bipartito, senón tamén daquela autorizada en anos anteriores. Así, non estarían só en perigo os novos 3.000 empregos que, segundo as estimacións dos técnicos da Xunta na anterior lexislatura, crearía o desenvolvemento dos máis de 2.200 MW distribuídos en decembro de 2008, senón tamén outros que xa están creados. Os investimentos previstos, agora paralizados, ascendían a 5.000 millóns de euros. Esta situación de destrución de emprego no sector eólico, especialmente na industria auxiliar, é novidosa nun sector que viña experimentando un gran crecemento nos últimos anos e para o que se auguraba un gran futuro. Os últimos exemplos de Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) son Metalúrgica del Atlántico e LM Composites. A primeira delas é unha filial de Talleres Cachaza, histórica industria auxiliar do sector naval da comarca de Ferrol. Seis anos atrás o grupo introduciuse no sector eólico como fornecedora en exclusiva dunha das multinacionais máis importantes do mundo nese negocio, Gamesa. Agora, o recorte de pedidos por parte da corporación pon en perigo os 60 postos de traballo da factoría de Metalúrgica del Atlántico, situada en Mugardos. Todo o cadro de persoal está afectado por un ERE temporal durante seis meses a partir do 1 de setembro. O cadro de persoal reclama “vontade política para reactivar o concurso eólico, do que dependen moitas empresas”. LM Composites é filial dunha multinacional de orixe danesa, dedicada á fabricación de palas para os muíños. A redución á metade da produción da súa factoría no polígono de Penapurreira, nas Pontes, puxo na picota noventa empregos directos, afectados tamén por un ERE. Outras empresas da comarca golpeadas pola crise eólica son Barlovento (Ferrol), Aceriusa (As Pontes) e Talleres Franco (Narón). Ao outro lado do límite administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia tamén aumentan os problemas. Santo Tomás de las Ollas é unha localidade da área de influencia de Ponferrada, no Bierzo, que acolle outra factoría da multinacional LM. A localización desta poboación berciana, con acceso directo á autovía da Coruña (A-6), é inmellorábel tanto para acceder os parques galegos como os castelán-leoneses e o interior da península. Aínda así, no último ano a corporación despediu 450 traballadores desta planta, que empregaba máis dun milleiro. Un novo ERE afectará, igual que no caso da planta de As Pontes, a todo o cadro de persoal durante seis meses. Tanto a comarca de Ferrol como o Bierzo son zonas deprimidas que sufriron nas últimas décadas traumáticas reconversións industriais. Ambas áreas acolleron a industria auxiliar eólica como saída a unha pertinaz crise económica. No Bierzo a situación é tan grave que Vicente Mirón, secretario xeral de CC OO na comarca, ofreceu a pasada semana a colaboración á dirección da multinacional. “Estamos dispostos a alcanzar un acordo coa empresa se, como parece, quere manterse no Bierzo”, apuntou, ao tempo que se ofreceu a “axudar á compañía para lograr estabilizar o emprego na que foi a maior fábrica da comarca”.
O conselleiro de Industria, Xavier Guerra, e o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces..
Ameazada a reconversión na área de Ferrol
A crise eólica galega traspasa fronteiras.
Descargar Tarifas