PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
Traballadora de Eternia
Silvia Rodríguez: ‘De cada cincuenta lápidas, tres son en galego’

Eva Estévez O 2 de novembro é o Día de Defuntos. Silvia Rodríguez é a cara visíbel de Eternia, unha firma que fabrica lápidas dende Mos para todo o Estado. Esta profesional di que as lápidas, igual que o The End do cine, lle poñen fin ao proceso mortuorio, cada vez con deseños máis personalizados.

Reloxo 31.10.2009 | 08:13

Silvia Rodríguez, deseñadora de Eternia Silvia Rodríguez, deseñadora de Eternia. Paco Vilabarros

O das lápidas é negocio serio?
 
Negocio serio é o da funeraria. Nós non temos contacto directo coas familias dos finados, entón é diferente.
 
Como xurdiu a idea de montar unha franquía de lápidas?
 
Os tres socios da empresa pensaron nun negocio para ofrecer un servizo directo de venda ás empresas funerarias e a franquía era unha maneira doada de expansión comercial.
 
Canto tempo levan a traballar?
 
Dez anos.
 
Cantos franquiados ten Eternia?
 
Arredor de 60.
 
De onde vén o nome?
 
Para elixir o nome xuntáronse varios publicitarios cos socios e chegaron a esta conclusión. Con  el quixeron darlle a empresa unha imaxe moderna e afastarse do tema de funeraria como algo antigo e escuro.
 
Que ten de rompedora a imaxe da empresa?
 
O logo é unha arroba encuberta con forma da luz da vela, e as cores que se empregaron nas exposicións das lápidas son verdes pistacho e azuis.
 
Que se aprende deseñando lápidas?
 
Nomes estraños.
 
Por exemplo...
 
Urxinda e nomes polo estilo que son pouco habituais.
 
Traballan para distintos credos?
 
Facemos o que nos piden. A maioría son para persoas católicas, pero hai xente que nos di que non se coloquen cruces, nin o ‘Descanse en paz’
 
As lápidas van en galego?
 
Aínda que os catálogos están escritos en galego e tentamos que a xente se anime a escribir a lápida en galego, é unha batalla perdida. De cada cincuenta lápidas, tres van en galego.
 
Por que será?
 
Cústame entendelo. A xente xustifícase por “se vén alguén de fóra...” pero eu escoito na televisión cada día o de Nokia, connecting people e non pasa nada.
 
Hai tendencias nas placas mortuorias?
 
A xente pide cousas fóra de catálogo, deseños propios, ideas moi bonitas que en ocasións non se poden trasladar á pedra.
 
Canto pode custar unha?
 
Depende. A partir de 300 euros ou superar os 6.000. Non hai un límite.
 
As lápidas son do gusto dos mortos?
 
Supoño que dos  que quedan.
 
A xente deixa instrucións antes de ‘marchar’?
 
Iso nunca chegamos a sabelo. Pero xa me comentaron que nalgún cemiterio de Vigo están facendo lápidas co espazo da idade e a data por cubrir.
 
Coa crise teñen menos encargos?
 
Temos o mesmo ritmo de traballo todo o ano. En Defuntos pode medrar un pouco a demanda pero o ritmo é estábel sempre.
 
A xente reduciu os gastos?
 
Para as lápidas non escatima en gastos.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río