Manuel Vilas . Evitar atrasos sobre o calendario do bipartito. Este é o obxectivo da eliminación de trámites -entre os que está un dos informes ambientais– do proxecto de Lei eólica aprobada polo Goberno.
A Xunta do PP aprobou a proposta de “Lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galiza e se crea o canon eólico e o fondo de compensación ambiental”. Cando a aprobe a maioría conservadora no Parlamento, a Lei servirá para derrogar o decreto do bipartito, que por vez primeira permitía que até o 14 por cento das accións dos muíños ficasen no público. Guerra presume de que así se acurta a tramitación até 12 meses. En todo caso, as concesionarias seguirán tendo que presentar o habitual estudo de impacto ambiental ante a Xunta. Trátase dun informe completo, sometido a alegacións públicas, que a administración supervisa, pero son as propias operadoras as que lles pagan aos técnicos que os elaboran. Iso si, algunhas empresas aforraranse ter que presentar unha das memorias de avaliación ambiental obrigatoria na maioría dos casos até hoxe, pos son parte do proxecto sectorial que xa non será necesario coa nova Lei. Polo demais, poucas novidades achegaron este mediodía os conservadores sobre a polémica derrogación. O máis relevante é que o proxecto de Lei leva, segundo o Goberno, o visto de bo de “expertos da máxima independencia” de tres universidades.
Aguía morta polos muíños da Serra do Suído, autorizados polo PP en Rede Natura.
A recualificacións do solo será máis doada
O novo Goberno di que o sector non está parado por esta polémica derrogación. O conselleiro de Economía, Xavier Guerra, mesmo dá uns prazos (concesións definitivas a mediados de 2011 e entrada en funcionamento en 2012) que son lixeiramente máis curtos que os da anterior Administración.
Como logrará o PP evitar o atraso? Eliminando nalgúns casos o proxecto sectorial, a documentación que teñen que presentar as concesionarias eólicas para lograr a recualificación do solo. Se os muíños están en solo forestal (como é na maioría dos casos) abondará cunha licencia municipal, adiantou hoxe a Xunta.
O Goberno exhibe o aval de catedráticos galegos e de fóra
Só unha delas é galega, a USC. As outras son madrileñas, a Complutense e a Carlos III. A Xunta subliña que ten o apoio do catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Santiago de Compostela, César García Novoa; do catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade Carlos III, Juan Zornoza Pérez; o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense, Rafael Gómez-Ferrer Morant, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense, Santiago Muñoz Machado.
“O catedrático de Enxeñería Química da Escola Técnica Superior de Enxeñería Juan José Casares Long, e o catedrático de Ciencias do Solo da Facultade de Bioloxía Felipe Macías Vázquez, ambos pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela, elaboraron un informe sobre os impactos ambientais dos parques eólicos sobre os solos, as augas, as persoas e a súa calidade de vida”, indica ademais o Goberno.
Tanto o conselleiro de Industria, Xavier Guerra, como o presidente Alberte Nuñez Feixóo arremeteron de novo contra a suposta ilegalidade do reparto do bipartito. “Era necesario suprimir a obrigatoriedade da participación pública” insistiu o conselleiro, mentres o presidente baseaba as acusacións de “ilegalidade” nunha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
O certo é que nin a participación pública co bipartito era obrigatoria, pois unicamente quen lle cedese accións ao Goberno recibía máis puntos. A falta de sentencias firmes, tampouco era ilegal, como proba que a Xunta ten accións en varios parques aprobados pola administración Fraga.
O TSXG, en contra do que dixo Feixóo, non derrubou o reparto eólico do anterior Goberno, só declarou a súa paralización mentres tomaba unha decisión definitiva.
“O novo marco legal dotará o sector de plena seguridade xurídica”, presume o Goberno, que tamén destaca a importancia do novo canon, que en realidade só supón o 3,5 por cento do que facturará a industria cada ano.
Guerra pásase ao galego ao carón de Feixóo
O conselleiro destacou que serán os concellos que soportan os muíños que recibirán os cartos do novo imposto, que é rexeitado pola patronal.
Guerra compareceu canda Feixóo en galego, malia que cando atende a prensa el só adoita empregar o castelán. Iso si, o conselleiro pasouse ao español cando foi interpelado nese idioma, feito que explicou volvéndose para consultar a Feixóo.
A través dun comunicado, o deputado do PSdeG augurou que a "suspensión e previsible anulación" do proceso de selección de anteproxectos eólicos iniciado polo bipartito "suporá un elevado custo" para a economía galega.
De feito, alertou de que se verá "afectado" o sector de produción de enerxías renovables, a construción de aeroxeneradores e a inversión en I+D+i; o que derivará "nunha perda de posición competitiva" de Galicia no contexto español e europeo "que carece de sentido económico".
"Prefiren sacrificar o futuro dun sector en aras dunha pretendida ideoloxía que escapa da intervención pública na economía, pero que só esconde intereses das grandes empresas máis próximas ao PP", denunciou Abel Losada.
Finalmente, prognosticou que a decisión do Executivo galego sobre o aproveitamento eólico "terá un dobre custo". Por un lado, referiuse así ao custo económico, mentres que, polo outro, a "unha lea xurídica que se prevé longa".
Ante este escenario, o parlamentario socialista vaticinou "paralizacións e falta de expectativas" para o sector eólico que, segundo apuntou, é "vital" para a economía galega.
Descargar Tarifas