Europa Press . O concelleiro do PSdeG en Castro de Rei Antonio Balado quedou en liberdade sen fianza pero con cargos por un suposto delito de tráfico de influencias, tras prestar declaración ante a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, Estela San José, quen dirixiu a operación anticorrupción pola que foron detidos ademais do rexedor (PSdeG), dous edís deste partido e un de Terra Galega (TeGa).
Entrada xudicial no concello de Castro de Rei.
Balado compareceu esta tarde ante a xuíz durante máis de hora e media e, á espera de examinar a súa declaración, a maxistrada decretou a súa liberdade con cargos, unha situación xudicial similar á da outra edil socialista detida e á do alcalde, aínda que a Xoán Xosé Díaz Valiño tamén se lle imputan delitos de suborno, prevaricación e tráfico de influencias, segundo informaron a Europa Press fontes xudiciais.
Como nos casos dos seus compañeiros de consistorio, até os xulgados trasladáronse numerosos familiares e representantes políticos, como o concelleiro do BNG en Castro de Rei Serafín Carballo; o secretario de Organización do PSdeG lucense, Luís Rodríguez Pedrosa; e o seu irmán, Francisco Balado, que é portavoz do PP no municipio lucense.
Á saída, Antonio Balado, co puño no alto, remitiu á prensa a unha rolda de prensa que se convocará nos próximos días "para aclarar todo". Ademais, manifestou que estaba tranquilo e que non podía realizar máis declaracións dado que a operación atópase baixo segredo de sumario.
Pola súa banda, o cuarto detido, Roberto Lorenzo, edil de TeGa, foi trasladado aos xulgados pasadas as 20.00 horas para prestar tamén declaración ante a xuíz, que ordenou aos policías desaloxar a prensa dos corredores dos edificios xudiciais.
Descargar Tarifas