PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
BLOG ALBERTE MONTES
Alberte
Montes
Actor
Entre tanta serie andamos 'perdidos'
FlashForward, Lost, House...
Quería falar hoxe, sen que sirva de precedente, de televisión. Ben, igual non, máis ben da internet, pois hoxe a TV e máis concretamente as series, consómense compulsivamente a través da rede. Conste que eu non son asiduo destes produtos, pero nos últimos tempos ando farto, de ter que escoitar que se tal morre no capítulo X..., se na quinta temporada House está preso... ou era na sexta?... Pero House non o daban en Cuatro?
 29.10.2009 | 07:52

En primeiro lugar: Estamos a perder ese bonito costume de esperar unha semana, sete dias, para ver como segue o argumento da nosa serie favorita. Agora non, agora remata un episodio e se que quedas con ganas de máis, acendes o PC, conéctalo á internet e seguro que algún friki con moito tempo libre polas tardes-noites, xa pendurou o vindeiro capítulo. Ben no idioma orixinal, ben dobrado ou subtitulado. Neste último caso, o friki deberá de ter tamén tempo libre polas mañás. Ao meu parecer perde todo o chiste deste xeito... Coa graza que tiña agardar toda a semana, para ver en que lea se metía Miro de Pratos Combinados. Claro que, esta serie non creo que circulase pola internet. Ademais... un consumo compulsivo de capítulos desta serie pode ser prexudicial. Coma todo, eh, moito non é bo.

Eu estou moi orgulloso de non ter visto nin un só dos capítulos de Lost, a serie das series. Claro que, a consecuencia disto, véxome desprazado en máis da metade das conversas que os meus colegas teñen. Só me faltaba odiar o fútbol para que me expulsasen definitivamente da cuadrilla. E non é o caso, gusto do fútbol. Este domingo sen ir máis lonxe, vivín un dia futbolístico ao máis puro estilo inglés. Ás 12, puntual, atopábame no Narcís Sala, o estadio do club do meu barrio, o Sant Andreu. Asistín a un roubo en toda regra: gol fantasma que si era e gol anulado por un fóra de xogo inexistente. Dous "chicharros" que o lacazán do árbitro deixou de pitar. Durmiría pancho o tío. O partido rematou cero a cero. Perdoen que me quente, pero e que me toca... de perto, tócame de perto, ao ser o equipo do barrio. Logo pola tarde, no bar esta vez, vin a goleada dun Barça imparábel. Así dá gusto.

Pero ben, voltemos ás series. Hai unha morea: a devandita Lost, Heroes, Prision Break, Dexter... e a derradeira en chegar FlashForward, que aspira a ser unha mestura de todas elas. Todas estas series que triunfan teñen un elemento común. Veñen do estranxeiro, fundamentalmente dos EE UU. Como diría meu pai: "Alí traballan moi ben as serias". É certo, son argumentos orixinais, arriscados, con "chicha". Aquí... a ver... mal tampouco estamos... tivemos series como Los Serrano, resolta no seu final coa historia de que todo era un pesadelo de Resines. Que digo eu, se toda a serie era un soño deste tipo... A sesta debeu durar a hostia!

Os argumentos das historias que aquí vemos son máis, do dia a dia. En troques de loitar contra un final apocalíptico do que coñecemos como Planeta Terra pois... sérvense uns cafés no Bar Suízo. En vez de perderse un grupo de xente nunha illa con misteriosos segredos pois...  un matrimonio tirase os trastos na rebotica dunha farmacia. Pero un momento, porque a televisión de aquí tamén evoluciona, que temos unha serie de narcos na galega, ¡coidao! 

Eu recoñezo que a esta última, FlashForward, engancheime algo. Se coñece que todo cristo se desmaia durante dous minutos e pico e ao espertar todo o mundo tivo unha visión do seu futuro dentro de seis meses... unha lea! Hai que pensar e todo. Que me ía a dicir a min, que ía ter que mirar a tele... pensando!

E para rematar unha pregunta: Se a galega fixer unha versión de Lost, quen faría de Jack? Morris? Aí o deixo.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río