M. O. . 'La Consejería de Medio Rural en La Coruña' ou 'la conselleira del Mar' son algunhas das expresións que comezan a empregar altos cargos da Xunta de Galiza nos seus escritos oficiais. O portavoz de Lingua do BNG, Bieito Lobeira –'Lobería' segundo un escrito formal da Consellaría de Mar– amosou no Pleno do Parlamento os escritos da Administración en castelán antes de presentar unha moción na que lle pediu á Cámara o compromiso co galego e que o PP rexeitou.
Bieito Lobeira amosou no Parlamento documentación oficial da Xunta de Galiza escrita en castelán. Entre os documentou destaca unha misiva enviada por Rosa Quintana, responsábel da Consellaría de Mar, redactada integramente en español. A carta, que se dirixe a “Sr. D. Bieito Lobería Domínguez” –no canto de Lobeira–, está asinada por “La conselleira del Mar”. O PP rexeita comprometerse coa lingua Bieito Lobeira considera un “retroceso histórico” o rexeitamento do PPdeG á actual lexislación en materia lingüística, “que foi consensuada por todos os grupos políticos galegos no seu momento”. En concreto, a iniciativa do BNG pedíalle ao Goberno Galego que cumprise o artigo 10º da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, que estabelece que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”. En segundo lugar pedía que se revalidase o compromiso co Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade en setembro do 2004. Ademais pedíase que se presentase un informe anual ao Parlamento sobre o cumprimento destas medidas e, por último, demandábase que, en cumprimento da Lei 4/2006 de Transparencia e Boas Prácticas na Administración Pública Galega, e en concordancia co PXNL, os cargos da Xunta de Galiza usen de xeito normal o galego nas súas relacións coa cidadanía”.
Bieito Lobeira, portavoz de Lingua e Pesca do BNG, no Pleno.
Os escritos presentados polo parlamentar nacionalista no Pleno amosan que a Administración autonómica non só non emprega o castelán na redacción. Tamén o usa para deturpar a designación oficial dos órganos institucionais. É o caso de “La Consejería de Medio Rural en La Coruña”, “Ayuntamiento de Ordes” ou “El jefe territorial de la Consejería de Medio Rural en La Coruña”.
Por iso, o deputado nacionalista considerou “inaudito que o Partido Popular rache todos os consenso e mesmo se negue a apoiar o que di a lei”. “Nunca me imaxinei como deputado do BNG pedíndolle a un Goberno que, simplemente cumpra a lei”, engadiu.
“O PP quere que o galego volva a estar coma no Franquismo”
Bieito Lobeira lembrou que “o pobo galego foi castigado durante séculos, humillado e reprimido por falar en galego, un proceso que se acentuou durante o Franquismo, e que deixou unha fonda pegada na xente, de complexo de inferioridade e de que o galego é un lastre e un atraso para progresar”.
O deputado do BNG subliñou que “durante os últimos 25 anos, coa Xunta de Galiza, logramos avances moi cativos para parar ese proceso de substitución da lingua galega polo español”.
“Con todo, e debido á estratexia máis españolista do Goberno de Feixóo, atopámonos agora con voces que criamos superadas pola historia e polo avance da democracia que vociferan contra o galego e queren mesmo reinstaurar os topónimos deturpados das nosas vilas e cidades”.
Descargar Tarifas