Europa Press . O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, defende o uso ‘eficiente’ dos recursos dispoñíbeis nas contas do seu departamento para 2010, que ascenden a 2.384 millóns de euros e representan ‘case un cuarto’ do total da Administración galega. Os voceiros de PSdeG e BNG acúsano de ter ‘a honra de ser o primeiro responsábel político’ en rebaixar a cantidade destinada a este ámbito.
Durante a súa intervención na Comisión 3ª da Cámara Autonómica para explicar os presupostos do seu departamento, Xesús Vázquez subliñou que as contas -que representan o 4,2% do PIB galego- susténtanse no "realismo, eficiencia e solidariedade" e que "o 21 por cento das partidas" se destinan á "mellora do éxito escolar", a pesar de que "o punto de partida" dos presupostos é "unha situación de recesión económica" e "unha caída elevada dos ingresos". Pola súa banda, o voceiro de Educación do PSdeG, Guillermo Meixón, acusou o titular do ramo de usar "máis de 5.000 frases para evitar dicir os recortes nas partidas", entre os que mencionou "o descenso de perto do 40 por cento" para os concellos; a redución "do 20,06 por cento" no departamento de Política Lingüística; ou a caída "de case un 6,3 por cento" na cantidade destinada a Universidades", ademais dun descenso do "17 por cento" no caso da Dirección Xeral de Formación Profesional. Nesta liña, a voceira do BNG, Carme Adán, achacou a "redución" nas partidas destinadas a normalización lingüística -un 50% menos en axudas a edición, un 36% menos para campañas de normalización- a unha proposta de "pechar" a Secretaría Xeral de Política Lingüística mentres, por outro lado, considerou "unha broma de mal gusto para as redes locais" que aumenten "nun 14 por cento" a partida destinada a lectorados no exterior -mentres se reducen as partidas para Galiza-.
Xesús Vázquez durante a súa comparecencia na Comisión do Parlamento.
Entre as partidas do 2010, Vázquez salientou o incremento en comedores escolares de "4,5 millóns de euros", que supón un 25 por cento máis respecto a 2009 nos xestionados directamente pola consellaría, e un "aumento do 10 por cento" naqueles xestionados por ANPAS, que permitirá "aumentar en 3.000 o número de comensais no 2010". En transporte escolar, destinará o 5,4 por cento do presuposto de Educación, con máis de 126,6 millóns de euros no 2010 -superior a Catalunya, Madrid ou Euskadi- e do que se beneficiarán 93.000 alumnos.
Ademais, incidiu no "incremento do 3,3 por cento" na partida de obras e reparacións en centros educativos -uns 46,6 millóns máis-; un incremento de "máis de 435.000 euros" en gastos de funcionamento; "perto de 10 millóns de euros" para potenciar a formación nas TIC do profesorado e dotar de equipos; e defendeu que as contas "potencian" a formación profesional, para permitir a incorporación ao mercado laboral de "42.000 novos profesionais".
No caso do ensino universitario, defendeu que "só terán unha redución duns 10 millóns" -recibirá máis de 393 millóns de euros- ; e beneficiarase dun "importe total de 64 millóns" para fortalecer a investigación -con achegas de Educación e outras consellarías-.
No ensino de linguas, destacou os "máis de catro millóns" para axudas a "miles de estudantes galegos" que desexen estudar no estranxeiro; a creación dunha Rede Local de Dinamización Lingüística -cun millón de euros- "máis de catro millóns" en programas de dinamización do galego en diferentes ámbitos; ou "unha partida de 1,2 millóns de euros" para garantir a súa proxección exterior. "-Pretendemos dar- unha visión amábel, moderna e útil do galego," asegurou.
Finalmente, incidiu no "aforro" en gastos de persoal, que supuxo "o 42 por cento" no caso do cadro de gabinete que "alcanza o 75 por cento" na Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Respecto a estas partidas, Meixón acusou á Xunta de impoñerlle ás familias mileuristas "un imposto revolucionario", ao eliminar o sistema de "gratuidade total" en libros de texto e "incrementar" o custo en comedores escolares, e ironizou con que o aumento nesta partida "sexa xusto -a cantidade- que se encontrou de burato" no departamento autonómico.
Así, criticou a redución "en máis de 20 millóns" do presuposto do departamento autonómico de Educación e afirmou que "as boas noticias" neste ámbito "chegan do Goberno central", ademais de lamentar que "o sistema público non lle interese demasiado ao PP" ao considerar que se aumentou a partida destinada a centros educativos concertados.
Neste sentido, Carme Adán lamentou "un aumento de 1,5 millóns para concertación" mentres se destinan "menos prazas" en comedores cun "aumento de custos para as familias".
Así mesmo, sinalou que nas contas tampouco se reflicte "o compromiso para a transferencia das escolas infantís" -actualmente dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar- nin "réditos a maiores" en medidas para paliar o fracaso escolar.
Descargar Tarifas