Redacción . Este luns Carlos Callón fixo pública no seu blog a primeira fotografía na que se ve o cámara da TVG na Quintana o 18 de outubro facendo un aceno de provocación. A imaxe proba a sucesión certa dos feitos no palco da praza.
A foto publícaa Carlos Callón no seu blog e foi realizada por Xan Muras ao redor das 14h30 do 18 de outubro. Nela vese como o cámara da TVG fai un aceno obsceno como resposta aos berros de "Televisión, manipulación" de parte dos manifestantes da praza da Quintana. A dirección da TVG e o Colexio de Xornalistas de Galiza denunciaran acoso aos profesionais da canle pública galega durante a manifestación a prol da lingua do 18 de outubro. Esta fotografía é a proba documental dos testemuños de xornalistas e convocantes da manifestación, que insistían en que non houbera agresión. Relato dos feitos Os incidentes comezaron na Quintana ao redor das 14h30. Coincidiu a despedida da manifestación coa entrada en directo da TVG, ao comezo do Telexornal de Mediodía. Nese momento non se sabía se os moitos manifestantes que non entraran na praza marcharían ou "relevarían" os que asistiran na praza aos discursos. Parte da xente interpretou mala fe por parte da canle galega, por querer gravar a Quintana baleira, e comezou a estenderse o cántico "Televisión, manipulación". Nese momento, o cámara da TVG empezou a facer acenos obscenos e, segundo varias testemuñas, increpou os manifestantes e os convocantes que lle pediron cordura. Fóra de si, chegou a enfrontarse con Avelino Pousa Antelo, galeguista de máis de 90 anos que se achegou a el para calmalo e sufriu insultos do cámara. Houbo outros incidentes co cámara, que incluso botou ao chan unha bandeira que un dos manifestantes lle colocou ao lombo. O PP e a dirección da Galega consideraron que o cámara e tamén o redactor, David Espiño, sufriran acoso por parte dos manifestantes. Foron tamén moitas as mostras de solidariedade co equipo de xornalistas.
O cámara da TVG no palco da Quintana o 18 de outubro.
Descargar Tarifas