Europa Press . Axentes da Policía detiveron o alcalde de Castro de Rei, Xoán Xosé Díaz Valiño, e tres concelleiros –dous do PSdeG e un de Terra Galega–, tras un rexistro efectuado no consistorio por orde da titular do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, Estela San José.
Entrada xudicial no concello de Castro de Rei.
Segundo fontes municipais consultadas por Europa Press, o rexedor e os tres edís detidos foron detidos e trasladados en coches patrulla á comisaría, en Lugo, onde serán interrogados e, posteriormente, decidirase sobre a súa situación procesual.
Trátase dos concelleiros socialistas Ana Campo e Antón Balado, dous dos tres cos que conta o seu partido no municipio. Pola súa banda, o seu compañeiro de filas Mario Saavedra permanece á marxe desta situación. A maiores, foi trasladado a comisaría o único edil co que conta Terra Galega, Roberto Lorenzo.
Aparte da estas persoas, as forzas da orde leváronse "moita documentación" do concello, cuxas dependencias foron rexistradas e inspeccionadas desde as 9.30 horas até, aproximadamente, as 14.15 horas. Durante este tempo, revisáronse "numerosos expedientes" e realizáronse "cantidade de fotocopias".
A maiores, fontes xudiciais informaron a Europa Press de que estes membros do Goberno municipal están sendo investigados por supostos delitos de tráfico de influencias e prevaricación, posibelmente relacionados con licenzas municipais, en pescudas que levan abertas "uns dous anos". No entanto, PP e BNG consideraron o ocorrido esta mañá "unha sorpresa".
“Sorpresa”
Para o portavoz do BNG na localidade, Serafín Carballo, o rexistro do consistorio e o posterior traslado do alcalde e tres edís supón "unha sorpresa", posto que descoñecía a existencia dunha investigación aberta. Polo momento, mostrou a súa "solidariedade" cos retidos, cos que comparte goberno. No entanto, a formación frontista permanece á marxe deste caso, posto que se integrou no Executivo local a principios do pasado mes de setembro.
Pola súa banda, o portavoz do PP local, Arturo Pereira, viviu tamén este operativo como "unha sorpresa". "Eu non sabía que houbese irregularidades", asegurou a Europa Press, tras confirmar que a investigación xudicial non parte dunha denuncia do seu partido.
Situación
Este municipio de case 5.800 habitantes censados está gobernado por Xoán Xosé Díaz Valiño con catro concelleiros do seu partido apoiados por un de Terra Galega (TeGa), mentres que os dous edís do BNG se integraron no goberno de coalición apenas a principios do pasado mes de setembro.
En canto ao xulgado que leva o caso, é o mesmo que instrúe a causa por un suposto sobresemento irregular de multas na que se viron implicados o ex responsábel da Xefatura Provincial de Tráfico en Lugo Xulio González, e o ex subdelegado do Goberno en Lugo Xesús Otero.
Descargar Tarifas