Europa Press . A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo, Estela San José, ordenou o rexistro e inspección das dependencias do Concello de Castro de Rei, segundo informaron fontes municipais a Europa Press.
A Policía Xudicial atópase rexistrando o consistorio desde primeira hora da mañá. O socialista Xoán Xosé Díaz Valiño goberna este municipio lucense de case 5.800 habitantes censados con catro concelleiros do seu partido apoiados por un de Terra Galega (TeGa), mentres que os dous edís do BNG integráronse no goberno de coalición a principios do pasado mes de setembro. Fontes da formación frontista -que están excluídos da investigación- interpretaron, en declaracións a Europa Press, que os seus compañeiros de corporación están sendo investigados por supostos delitos de tráfico de influencias e prevaricación. O Xulgado de Instrución número 3 de Lugo é o mesmo que instrúe a causa por un suposto sobresemento irregular de multas, na que se viron implicados o ex responsábel da Xefatura Provincial de Tráfico en Lugo, Xulio González, e o ex subdelegado do Goberno en Lugo, Xesús Otero.
O alcalde de Castro de Rei tras selar o pacto local con BNG e TeGa.
Descargar Tarifas