Redacción . O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, participará mañá e pasado en sendas conferencias na Universidade de Deusto e na Universidade do País Vasco, nas que abordará a situación lingüística de Galiza. Para Callón, 'os ataques contra a lingua galega por parte da actual Xunta son un banco de probas para estender a involución cultural ao resto do Estado'.
Callón na manifestación de 'Queremos Galego'.
Durante dous días, o responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística explicará en Euskadi o contexto que vive a lingua tanto no seu relevo interno como nas dimensións que ten a nivel de Estado o que está a acontecer no noso país.
Callón avalía que o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo “quere a levar a cabo o primeiro proceso de desmantelamento da oficialidade dunha lingua propia diferente do castelán”. Así, pon como exemplos a eliminación de feito do galego como requisito para o acceso á función pública, que a lingua de Galiza sexa a única do Estado sen axudas para a tradución, que a TVG deixe de emitir en galego algúns programas infantís, a drástica redución de orzamentos para a promoción da lingua ou a supresión do modelo de escolas infantís que fan uso do galego.
Ademais, lembra que a Deputación de Pontevedra, gobernada tamén polo PP, foi a primeira administración de todo o Estado en toda a etapa democrática en financiar unhas xornadas que tiñan como único fin atacar as linguas galega, catalá e vasca.
“Queremos Galego”
No entanto, para A Mesa “tamén é de salientar a resposta masiva da sociedade galega contra estas políticas”. Por iso, esta asociación, que impulsou a creación da plataforma Queremos Galego, considera que Alberte Núñez Feixóo “debería escoitar a sociedade e ser algo máis humilde”. “Debería lembrar que é presidente da Xunta por só un deputado e tendo 5.000 votos menos que as forzas da oposición parlamentaria”, ao tempo que salientan que “as dúas maiores manifestacións da historia en defensa da lingua galega foron neste ano 2009, en resposta á súa política de ataques”.
Descargar Tarifas