Redacción . Dolores Castro converteuse en alcaldesa de Folgoso do Courel, tras saír adiante a moción de censura presentada polo grupo Alianza polo Courel –integrado por concelleiros dados de baixa no PP-- e co voto do ex concelleiro socialista Manuel Bouza.
Dolores Castro, nova alcaldesa de Folgoso do Courel.
Nun salón de plenos abarrotado, celebrouse a sesión plenaria extraordinaria, tensa e na que se produciron numerosas interrupcións, coa que se desaloxou da Alcaldía o socialista Xosé López Fontal. Con esta operación política, a de Folgoso é a terceira alcaldía que perden os socialistas esta semana, tras as mocións de Silleda –o pasado luns– e Láncara –o xoves–.
No pleno vivíronse momentos de tensión entre simpatizantes dun e outro bando, pero o ex concelleiro Manuel Bouza foi o branco da maioría dos insultos. Os presentes chamáronlle "ladrón, traidor, morto de fame" e "lixo".
Dous axentes da Garda Civil vestidos de paisano escoltaron a Bouza durante o pleno, mentres que outras seis patrullas se apostaron á entrada da casa consistorial, aínda que non foi necesaria a súa intervención.
O acto foi constantemente interrompido por partidarios dos ex concelleiros do PP e simpatizantes do PSOE e do agora ex alcalde, López Fontal, que pediu, ao comezo da sesión tranquilidade aos veciños que encheron o salón de plenos.
Foncal, que gobernaba en maioría con cinco concelleiros até que Bouza decidiu apoiar a iniciativa do resto dos edís, estivo arroupado polo secretario xeral do PSdeG na provincia, Ricardo Varela, así como polos rexedores socialistas de Guitiriz, A Pontenova, Castro de Rei, Sarria, Pedrafita ou Becerreá. Ademais, estiveron presentes deputados do PSdeG no Parlamento e no Congreso e o alcalde nacionalista de Monforte, Severino Rodríguez.
“Ingobernabilidade”
Nas súas intervención, a nova alcaldesa, Dolores Castro, invocou a situación de "ingobernabilidade" para acceder á Alcaldía desta pequena poboación da montaña lucense –1.300 habitantes censados– mediante esta moción. Tamén afirmou que "non era contra o PSOE senón contra Foncal", á vez que proclamou que é "unha demócrata".
Castro, que foi portavoz do grupo popular municipal, dixo que non se podía culpar o PP de estar detrás da mesma –a dirección do partido desautorizou a operación-- e subliñou que "se non fose por Barreiro –presidente provincial dos 'populares'– esta moción de censura sería presentada había moito tempo". A agora alcaldesa foi constantemente interrompida con berros de "mans arriba, isto é un atraco".
Descargar Tarifas