Redacción . O Tribunal Oral Federal Nº 5 arxentino, condenou este venres a cadea perpetua o xeneral retirado Jorge Olivera Róvere e o ex coronel Bernardo José Menéndez, por delitos de lesa humanidade cometidos durante a última ditadura militar (1976-1983). Entre as vítimas atópanse os parlamentarios uruguaios Zelmar Michelini e Héctor Gutiérrez Ruiz.
A presidenta arxentina, Cristina Fernández.
No xuízo, foron absoltos o ex coronel Humberto José Lobaiza, o ex tenente coronel Felipe Jorge Alespeiti e o ex xeral de Brigada Teófilo Saa, quen se destacaron como xefes de seguridade da Capital Federal. Róvere, de 83 anos, negou toda responsabilidade nos 116 secuestros e dous homicidios que se lle imputan e manifestou que "non exercín nin impartín ordes que poidan lesionar os dereitos humanos".
O fiscal federal, Félix Crous solicitou durante o xuízo penas de prisión perpetua para Olivera Róvere e Menéndez, mentres que para Lobaiza, Alespeiti e Saa pediu 25 anos de prisión.
O avogado querelante, Luis Bonomi, non comprendeu a absolución dos tres imputados. "Tampouco é unha gran sorpresa. Vimos denunciando a este tribunal, que é cómplice da impunidade. Denunciámolo ante o Consello da Maxistratura e lamentabelmente avalou o funcionamento", apuntou Bonomi.
Olivera Rovere era en 1976 o vicecomandante do I Corpo de Exército, que dirixía Carlos Suárez Mason. Tras o regreso da democracia, en 1983, foi un dos militares condenados, pero recibiu o indulto presidencial de Carlos Menem.
No entanto, no ano 2003 realizouse a reapertura das causas pola represión, o ex xeral foi procesado e estivo preso por case tres anos. Liberouno a Cámara de Casación, en febreiro de 2007, en contra do criterio do xuíz federal Daniel Rafecas, polo que chegou ao xuízo en liberdade.
Descargar Tarifas