A CTNL, entidade que agrupa a gran maioría de traballadores/as de normalización da lingua, considera que é nas contas públicas onde mellor se reflicten as prioridades políticas de quen as elabora, polo que este proxecto de orzamentos demostra, unha vez máis, que o goberno da Xunta só está disposto a dar pasos atrás no proceso de normalización da lingua galega, incumprindo así os acordos aos que se chegou por unanimidade no Parlamento galego (Lei de normalización lingüística e Plan xeral de normalización da lingua galega), nos que se especifica que a normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo e, en ningún caso, regresivo.
Segunda denuncia a CTNL nun comunicado, redúcense os recursos para campañas de normalización da lingua nun 36%, pasando de 5.236.835 a 3.337.000 euros, case dous millóns, do mesmo xeito que diminúen drasticamente partidas tan importante como as dedicadas a empresas editoriais para proxectos en lingua galega en máis do 50 por cento a asociacións sen fin de lucro, que baixan un 25 por cento, ou aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino públicos, que se reducen no 20 por cento.
"Grave retroceso"
A Coordinadora considera que estas contas son "un moi grave retroceso" para a planificación lingüística de Galiza, o que leva a estar incluso moi por baixo dos recursos que se lle dedicaban a esta materia no 2005. En termos relativos, mentres no 2005 o goberno de Fraga lle dedicou á política lingüística o 0,23% do orzamento total da Xunta, no 2010 o goberno de Núñez Feixóo dedícalle só o 0,14%.
En termos absolutos, o goberno presidido por Núñez Feixóo dedicaralle á lingua no 2010 catro millóns de euros menos dos que lle dedicou o goberno presidido por Manuel Fraga no 2005, hai cinco anos.
Por todos estes motivos, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) pide unha rectificación por parte do goberno para que este proxecto de orzamentos sexa modificado no seu trámite parlamentario.