Manuel Vilas . Manuel Fraga sempre ten negado coñecer a Francisco Correa, o líder da trama de presunto financiamento ilegal do PP. Porén, a transcrición do interrogatorio do maxistrado ao preso, que hoxe ANT publica íntegra, evidencia o contrario.
É máis, Correa fai un completo relato de como “fun ver a Don Manuel para facer nós as campañas electorais de Galiza”. “Coñezo a Pablo Crespo porque a man dereita de Fraga e de Pepe Cuíña, o secretario xeral do Partido, era o meu cliente, Pablo Crespo”, insiste o cerebro do Gürtel. O PPdeG pagou en negro por actos electorais despois de que Crespo emigrase Cómpre ter en conta que na documentación incautada ao contábel da trama figuran seis pagos en diñeiro negro do Partido Popular a compañías de Correa. Os 'populares galegos' ingresaron cartos na caixa B da trama entre 1997 e 2001 pola organización de campañas electorais. Como consecuencia da lea entre o sector da boina (que lideraba Xosé Cuíña) e o do birrete (que lideraba Mariano Raxoi); Pablo Crespo, en prisión como número dous da trama, caeu en desgracia no PPdeG e tivo que abandonar a secretaría de organización do PPdeG. Isto foi en 1999, polo que os pagos posteriores proban que a trama seguiu organizando actos electorais para os conservadores de Manuel Fraga despois de que Crespo emigrase a Madrid, algo que o PPdeG segue a negar. Cuíña foi quen recomendou a Crespo Precisamente o relato da fichaxe do galego por parte de Correa é un dos intres máis reveladores do interrogatorio. “Cando Pablo Crespo entrou en desgracia porque en política iso ocorre continuamente, había que buscar unha persoa un pouco tal... como a Cuíña non o podían botar, daquela cargáronse a Pablo(...) Pepe Cuíña díxome, se queres, como ti non estás enriba de todos estes temas, lévate a Pablo Crespo que é ouro molido, e Pablo Crespo é o que leva todos os temas”, declara o principal imputado do caso nun intento de responsabilizar a Crespo da xestión das sociedades investigadas, algo no que el di non ter nada que ver.
Pablo Crespo, en prisión pola trama Gürtel, nun mitin detrás de Fraga.
Descargar Tarifas