Redacción . O portavoz do BNG no Parlamento en materia de Lingua, Bieito Lobeira, vén de presentar unha iniciativa pola que lle esixe explicacións formais, desculpas e depuración de responsabilidades á dirección da TVG pola 'escandalosa manipulación informativa na cobertura da manifestación da plataforma Queremos Galego'.
Bieito Lobeira denuncia que “a Dirección de informativos da TVG practicou nos días previos á mobilización unha evidente censura da Plataforma Queremos Galego”. Así, lembra “a censura da TVG na propia presentación desta entidade e na convocatoria da manifestación do 18 de outubro, unha censura que contrasta co comportamento claramente favorábel da dirección da TVG á manifestación convocada en Madrid contra os dereitos das mulleres por parte de colectivos antiabortistas”. Unha información "falaz" e "tendenciosa" Así, lembra que no espazo Bos Días da TVG de onte “fálase sen pudor nin vergoña dunha manifestación a priori pacífica, coa lexendaxe literal de atacan un equipo da TVG na manifestación a prol da lingua”. “Ten algunha credibilidade a tese de considerar como agresor dun equipo da TVG a Avelino Pousa Antelo, de 95 anos de idade, e cunha práctica exemplar en defensa de Galiza e da súa lingua ao longo de toda a súa vida?”, pregúntase o deputado do BNG. Bieito Lobeira considera “falaz e tendenciosa” estas informacións da TVG, cuxo obxectivo é converter os manipuladores en vítimas, e os supostos defensores da lingua en inquisidores agresivos”.
O deputado do BNG, Bieito Lobeira, canta o himno na manifestación de 'Queremos Galego'.
Ademais, o deputado do BNG advirte de que “en coherencia coa liña do PP contra o idioma galego, a TVG ataca a mobilización social en defensa do noso idioma, non polo número de manifestantes, dado o éxito da convocatoria, senón coa xa clásica asociación coa violencia”.
Asemade, denuncia que “no Telexornal Mediodía de onte se afirma que o equipo da TVG foi insultado e increpado e mesmo se chega ao extremo denigrante e calumnioso de proclamar, personalizando, que Avelino Pousa Antelo chegou ao insulto”.
Descargar Tarifas