PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
Mañá ás 12h00 manifestación a prol da lingua
Carlos Callón: 'Quen ame o galego non pode quedar na casa'

M. Obelleiro Carlos Callón (Ribeira, 1978), presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e membro da comisión xestora de 'Queremos Galego', chama á sociedade a mobilizarse na manifestación que celebra mañá a plataforma –con saída da Alameda de Santiago de Compostela ás 12h00–. 'Mudar a situación está nas mans de todos e de todas', advirte Callón, que lembra que a defensa do galego 'non prexudica a ninguén'.

Reloxo 17.10.2009 | 10:00

O presidente da Mesa, Carlos Callón O presidente da Mesa, Carlos Callón. Otto/AGN

Por que considera necesaria A Mesa unha manifestación en defensa da lingua nestes momentos?

Porque o actual Goberno está a adoptar unha posición de insidia no que respecta ao galego. Trátase do único Goberno autonómico que anda a patadas coa lingua. O máis lamentábel é que a Xunta está a desmantelar os cativos adiantos lingüísticos conseguidos até o momento. Hai un proceso de españolización que responde ás aspiracións políticas de certos dirixentes do PP –como Feixóo– que ven a Galiza como un trampolín desde o que dar o salto a Madrid.

Cales poden ser as consecuencias desta política?

É posíbel que a política lingüística do PP provoque unha gran reacción social. Se chega un momento no que os ataques pasan a ser gravísimos, a sociedade vai pasar á acción. Poden marcar unha esperanza cara ao futuro porque a lingua pode converterse nun elemento de unión. É a primeira vez que se vai celebrar unha manifestación a prol do idioma con tantos e tan variados apoios.

Entón, a sociedade está concienciada...

O nivel de concienciación lingüística da cidadanía está a aumentar e está a acadar as cotas que se acadaron co Prestige ou coas vagas de incendios. É importante observar como as persoas que empregan o castelán tamén se mobilizan en defensa do dereito a vivir en galego e non só apoian a manifestación, tamén participan activamente. Isto demostra que as contas do PP están moi erradas. Confúndense se pensan que a xente vai aplaudir as súas medidas desgaleguizadoras.

Algúns militantes do PP confirmaron que van asistir á manifestación. Non todos están conformes coa política lingüística do partido?

Non hai un PP bo nin un PP malo. Hai que lembrar que todos os deputados e deputadas do PP votaron que o galego deixase de ser requisito para acceder á Administración pública e aprobaron cos seus votos medidas de racismo político no Parlamento. Con todo, é positivo que afiliados do PP se manifesten porque os dirixentes políticos traizoaron con esta serie de accións desgaleguizadoras a militancia, que na súa maior parte son falantes de galego –aínda que sexan diglósicos.

Como membro da comisión xestora de “Queremos Galego”, cales son as súas expectativas de cara á manifestación de mañá?

Malia o silenciamento e manipulación que sofre a plataforma “Queremos Galego” nos medios de comunicación –nomeadamente na TVG– hai un nivel de tensión social importante. É necesario que quen ame o galego non quede na casa o domingo.

Cal será o seguinte paso da plataforma logo do domingo?

En breve, comezaranse a recoller as sinaturas necesarias para que saia adiante a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que tratará de fortalecer os consensos lingüísticos aos que se teñen chegado.

“Todos os avances lingüísticos foron froito da presión social”

Desde o seu punto de vista, cal é a situación da lingua?

O galego atópase nunha encrucillada. Ano tras ano, a lingua perde falantes, o que non significa que estea xa abocada á súa desaparición. Está na man de todas e de todos mudar a situación.

Cales son as propostas da Mesa para facerlle fronte a esta situación?

Chamamos á mobilización social porque até o de agora todos os avances lingüísticos que se conseguiron foron froito da presión social. Os ataques do PP requiren respostas porque o que defendemos non prexudica a ninguén. A mellor defensa da lingua é o seu uso normalizado. Como diría Rosalía, cómpre que o galego deixe de ser un idioma estranxeiro na súa propia patria.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río