Redacción . 'Queremos galego' espera unha asistencia masiva á mobilización convocada para o domingo 18 de outubro a prol da lingua. Todos os grupos políticos, excepto o PP, sumáronse á iniciativa que tamén conta co apoio das plataformas 'ProLingua' e 'Galego Patrimonio da Humanidade'.
O PSdeG declarou o seu apoio oficial á manifestación de ‘Queremos galego’ o 18 de outubro en Santiago de Compostela. Outro tanto fixeron o Partido Galeguista, Coalición Galega e Terra Galega. En tanto que BNG, Esquerda Unida e FPG forman parte da Plataforma, só o PP está á marxe desta mobilización, aínda que algúns dos seus máis destacados militantes asistirán ao acto en defensa da lingua. O portavoz de Lingua do Grupo parlamentario socialista, Francisco Cerviño, manifestou nunha entrevista con A Nosa Terra Diario que nestes momentos “a presión na rúa é necesaria” para tentar “frear a política agresiva de Núñez Feixóo” con respecto ao idioma propio. Malia que o PSdeG estará o 18 de outubro en Compostela, polo de agora non se vai sumar a ‘Queremos Galego’. En principio, os socialistas son partidarios de que se produza unha coordinación entre as distintas plataformas en defensa da lingua. Coa suma do PSdeG á manifestación, só o PP permanece á marxe desta convocatoria, aínda que algúns destacados militantes populares ou ben amosaron a súa intención de acudir ao acto ou ben deron os seus parabén a quen o fixese. O Partido Galeguista (PG), Coalición Galega (CG) e Terra Galega (TeGa) son outras forzas que asistirán ademais do BNG –que está integrado en ‘Queremos galego’ con Esquerda Unida e FPG. PG e CG confirmaron a súa asistencia a través dunha comunicación oficial no que tamén daban conta do inicio de conversas para a unificación dos dous partidos. "Censura escandalosa" O portavoz de Lingua do BNG, Bieito Lobeira, denunciou nestas páxinas a “censura escandalosa” que está a sufrir a manifestación nos medios. Dende o seu punto de vista, nestes días previos se están a “ocultar as actividades dunha plataforma que é a maior expresión en defensa do galego da historia”, xa que segundo lembrou están adheridas a 'Queremos Galego' máis de 500 entidades e colectivos. O deputado chama á mobilización masiva da sociedade para obrigar o PP a que desista da súa política desgaleguizadora.
Manifestación de 'Queremos Galego' a prol do galego.
No campo sindical, a CIG adheriuse a ‘Queremos galego’. Porén, nin CC OO nin a UGT participan na plataforma nin van acudir á manifestación como organización.
Segundo Melchor Roel, secretario de Comunicación de Comisións, o sindicato non se suma porque “entendemos que se debe retornar ao consenso en materia lingüística e non pensamos que se trate dunha vía útil para conseguilo”. Dende o seu punto de vista, a política do PP na Xunta neste sentido “tende cara o extremo e trata a lingua galega como instrumento de confrontación política”, algo que censura porque se trata dun “dereito” de todos. Pola súa banda, a UGT rexeitou facer calquera tipo de declaración ao respecto.
Fran Rei, un dos portavoces de ‘Queremos galego’, amosou a súa satisfacción polo anuncio da participación oficial do PSdeG e tamén destacou a chamada a tomar parte formulada polas outras organizacións de defensa da lingua. Tanto 'ProLingua' como 'Galego Patrimonio da Humanidade' apoian a protesta. “É un espazo común que todos imos compartir; esta vai ser unha manifestación de todos”, recalcou.
O acto, que parte ás 12h00 da Alameda de Santiago, percorre as rúas céntricas da capital do país e de momento ten fixado a praza da Quintana como lugar no que concluirá, aínda que 'Queremos galego' negocia co concello outras localizacións máis amplas como o Obradoiro. Ao remate da mobilización, os organizadores darán lectura a un comunicado en defensa da lingua.
“Se comparamos co 17 de maio, agora contamos con máis autobuses, o que fai previsíbel unha asistencia masiva”, sinala Fran Rei, aínda que matiza que “en vista de que o 17 de maio as previsións quedaron desbordadas, non podemos facer estimacións”.
Descargar Tarifas