
Manifestación de 'Queremos Galego' a prol do galego.
Noite en Bruxelas. Unha cativa chama dende o leito pola súa nai para que lle lea un conto. A nai, cansa dun dia intenso, escolle un conto ao chou. Hoxe tocou La reine des bisous. En galego, naiciña, quero que me leas o conto en galego! Asi que a nai vai traducindo o conto, bisous para bicos, papillons a bolboretas, joie transformada en ledicia. Os contos en galego desa casa están tan relidos, ollados e tocados que a ansiedade de aprender da meniña reclama permanentemente un servizo de tradución simultánea caseiro de todos os libros que chegan ás súas mans, con independencia do idioma no que estean escritos, para galeguizalos cada noite.
A nai lembra nese intre o ollar estraño da cativa cando vai a Galiza e pregunta por que alí as meniñas e meniños case non falan galego nos parques infantis, anécdota recorrente que repite: nai, somos galegas porque falamos galego, como tamén somos francesas porque falamos francés, e se falamos galego en Bruxelas, por que aqui non falan? A nai explícalle que hai nenos que falan e que aprenden na escola, pero que depende moito se as súas familias e amizades falan.
A nai pensa naquilo de miña patria, miña lingua, no que parece identificarse a cativa nas súas linguas maternas, ela que ainda non entende de paises. Alén diso, do dereito a existir, está o dereito a non ser ignorantes, a vivir e convivir na lingua propia sen prexuízos de aprender e convivir con outras linguas, o orgullo de sentirse tan completo como se sente esta cativa que é feliz de entenderse co mundo, como con Carme, Nuno e Suevia en galego, con Alanys a da escola que é do Brasil, con Mohamed e Garrance en francés, con Itziar e Itxaso nun egunon como palabra única pero xa familiar para ela, con Lia e Teresa cos petóns e sabatas, con Marta e Kelly en castelán ou con Anna e Helen en inglés.
A lingua do existir mesmo: a lingua materna, a dos sentimentos e aloumiños, a dos cantos e as lecturas. A que nós, como galegas e galegos a portabilidade da identidade alá onde vivas. Reclamamos que o galego sexa protexido, defendido e tratado con igualdade, sentimos orgullo de falar a nosa lingua e procuramos e defendemos o seu lugar na Galiza, en Europa e no mundo porque é e ten que ser unha lingua de futuro, de xeito positivo, sen laios nin freos, sen estancamentos. O domingo o país moverase bulindo na defensa dun dos sinais de identidade mais claros e necesarios. Tamén en Bruxelas faremos un acto de apoio a esa manifestación, a ese acto de dignidade, á mesma hora en Orfeu Livraria Portuguesa e Galega nun acto plural e aberto no que o xeito de solidariedade cada participante lea en galego un texto: un poema, unha frase, unha palabra, unha cantiga... Escollin un verso de Manuel Maria: "O idioma somos nós, pobo común, vencello que nos une e ten en pé, herencia secular de cada un".
A cativa dos contos tamén: Quero galego, nai!
O acto vai consistir na lectura por cada participante dun texto en galego que debe traer cadanseu para ler no acto (un poema, un texto en prosa, unha cantiga, unha frase, unha palabra....)
O acto é unha autoconvocatoria de galegos e galegas de Bruxelas aberta e plural a todas aquelas persoas que se solidaricen en defensa da nosa lingua.
Descargar Tarifas