M. Obelleiro . O parlamentario e portavoz de Lingua do BNG, Bieito Lobeira (Seixo, Marín, 1968), é tamén membro da comisión xestora da plataforma 'Queremos Galego'. A tres días da manifestación en defensa do idioma, Lobeira chama á mobilización masiva da sociedade para obrigar o PP a que desista da súa política desgaleguizadora. 'Teño confianza en que imos gañar esta batalla porque a meirande parte da cidadanía, fale ou non o galego, defende a lingua', subliña.
Por que considera necesario o BNG unha manifestación en defensa do galego nestes momentos? Como nacionalistas que somos, temos o deber de defender o noso. E unha das razóns de ser do pobo galego é a lingua. Se non defendemos o idioma na práctica coa mobilización da cidadanía ninguén o vai facer por nós. Ademais, este contexto de agresión á lingua por parte do PP esixe trasladar á rúa o que se nos nega no Parlamento e nas demais institucións. Xa historicamente, a defensa da lingua foi unha das potencialidades do pobo galego. Así que, se este proceso que se vai iniciar o 18 de outubro é quen de poñer en pé a cidadanía, o PP vaino ter difícil. Dende o seu punto de vista, cal é a situación da lingua? É unha situación preocupantes porque está perdendo falantes desde hai anos. Ademais, a maioría dos medios van nesa dirección. A meirande parte dos medios están a censurar a información previa á manifestación do día 18. Ocultan as actividades dunha plataforma que é a maior expresión en defensa do galego da historia. Hoxe en día, xa están adheridas a “Queremos Galego” máis de 500 entidades e colectivos, máis as adhesións individuais. E a que responde esta censura? Os medios reciben millóns de euros por fomentar o galego. Con todo, son utilizados polo poder como correa de transmisión para combater a lingua. Cales son as propostas do BNG para facerlle fronte a esta situación? A curto prazo, o BNG ten que obrigar o Goberno a cumprir a legalidade vixente –que é cativa– para non dar pasos cara a atrás. Tamén estamos implicados na popularización da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que “Queremos Galego” está a pór en marcha. Á marxe da dialéctica política cómpre potenciar masivamente a mobilización social en dous sentidos, concienciándoa lingüisticamente e instándoa a actuar para obrigar o Goberno a que desista da súa actitude desgaleguizadora. Como membro da comisión xestora de “Queremos Galego”, cales son as súas expectativas de cara á manifestación do 18 de outubro? Penso que vai ser un éxito, vai ser masiva. Así o demostran as cifras que manexamos do transporte colectivo. Mesmo confirmaron a súa presenza persoas do Bierzo. Malia esta censura escandalosa que sufrimos, a sociedade galega está a responder e está a demostrar a defensa do seu. Cada día súmase máis xente á “Queremos Galego”. O día 18 non vai ser a meta, senón o inicio dun proceso. Se non somos quen de frear o PP, os efectos sobre o idioma van ser devastadores, pero teño confianza en que imos gañar esta batalla porque a meirande parte da cidadanía, fale ou non o galego, defende a lingua.
Bieito Lobeira, deputado do BNG.
Fala de política de agresión á lingua. Por que está a seguir esta estratexia o PP?
O Goberno do PP está a seguir dúas liñas de actuación. Unha á hora de pór en marcha medidas político–administrativas de retroceso en función dun marco legal cativo e insuficiente que non lles vale. Por outra banda, e o que é máis duro, é que o PP pretende inculcar na sociedade e de forma consciente os peores esquemas de dominación –que o galego non vale, que é inútil, que está condenado á desaparición...
Entón, o PP emprega o galego como arma política...
O galego é en si mesmo un elemento político. O PP é consciente de que o pobo que usa o galego sen complexos exerce os seus dereitos e faino con dignidade. Significa que o pobo vai querer dotarse de elementos de autogoberno e implica a concienciación nacional da sociedade. Isto é incompatíbel co proxecto imperialista que segue o PP estatal.
Algúns militantes do PP confirmaron a súa asistencia á manifestación do domingo. Pensa que non todos están de acordo coa política lingüística no seo do PP?
Lamentabelmente, son contadas, e non deixan de ser anécdotas, as persoas que poden manifestar publicamente a súa discrepancia son anécdotas coa lingua. O PPdeG como instrumento político non existe. En Galiza hai unha sucursal do PP e o sector galeguista ben non existe ou ben morreu porque non exerce como tal. Non hai unha asunción de defensa da lingua no PP. Existen hoxe en día nostálxicos do réxime franquista que combaten o galego en gran medida e ante isto non se ve unha reacción democrática dentro do partido. Vese acomodación nos militantes do PP.
Descargar Tarifas