Europa Press . O presidente fundador e senador do PP, Manuel Fraga, encomiou a figura da alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, da que dixo que é ‘extraordinaria e por riba de toda sospeita’. Non obstante, engadiu que ‘non diría o mesmo’ do presidente da Generalitat Valenciana, Francisco Camps.
Manuel Fraga amosouse convencido, en declaracións á COPE, de que co cesamento do ex secretario xeral do PP en Valencia, Ricardo Costa, parouse o golpe. "En todo caso alí hai unha reserva extraordinaria. Estou pensando agora mesmo na alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, que é extraordinaria e por riba de toda sospeita", indicou. Porén, asegurou que "non diría o mesmo" sobre Camps. Así mesmo, expuxo que un político debe ter unha "moral indestructíbel", con "conviccións éticas moi profundas e a capacidade de exercelas" e, neste sentido, sinalou que "probabelmente" a Camps lle faltou moral "nun deses sentidos". "Non entro na súa moral privada e ante o seu confesor, pero é evidente que a moral para facer as cousas con enerxía non dá a impresión de que a tivo, e tivo que ser Madrid quen resolvera o tema do señor Costa", destacou. Nesta liña, valorou que o PP estea actuando contra aquelas persoas que se distraeron", aínda que puntualizou que é "evidente" que hai unha intencionalidade política do Goberno contra o seu partido, algo que se viu nas instrucións dos fiscais e en que todas as informacións van nunha soa dirección". Agregou que é "lamentábel pero en definitiva hai que recoñecer que é así".
Manuel Fraga.
Fraga agregou que hai detalles que indican que se xoga desde o outro lado con “manifesta mala vontade e abuso das funcións dos órganos de Goberno”. Sobre se a trama Gürtel está sacudindo os cimentos do PP, subliñou que para iso “fan falta máis cousas”, aínda que recoñeceu que desde logo “por aí se intentou”.
Preguntado acerca de se Camps verase salpicado polas súas amizades con implicados na trama, respondeu que espera que "poida superar iso", aínda que tamén resaltou que se non o logra, o presidente do PP, Mariano Raxoi, quen "confía profundamente na presunción de inocencia, aplicaralle a regra fundamental do dereito, que é que o que a fai a paga".
Ao seu xuízo, "non é fácil" detectar esas persoas que se achegan á política para enriquecerse, aínda que se mostrou convencido de que ao final "eses acaban todos por caer". "Eu mesmo en Galiza tiven xente -en referencia a Pablo Crespo, ex secretario de Organización do PP galego e imputado na trama Gürtel- que o intentou. Tardei en decatarme pero entón dixen acabouse", asegurou.
Engadiu a este respecto que preferiría que o PP non chegara á situación actual, pero expuxo que cando un partido crece ten "tal posibilidade de que alguén se coe que é imposíbel non recoñecelo". Por iso avogou por facer "todo o posíbel para que existan mecanismos de control e repudio inmediato de todo o que non deba facerse".
Doutra banda, afirmou que o PSOE ten medo de que o PP poida recuperar o poder, e agregou que o ten con moita razón, xa que neste momento a súa xestión é un desastre e está na peor das situacións, “comprando votos facendo favores a determinados grupos para que lle voten determinadas leis, xa que coas súas forzas non pode seguir gobernando”.
Segundo dixo, o socialismo está "en decadencia en todas partes e o español non é unha excepción, porque non ten fórmulas para o momento actual". Para Fraga, só desde un "centro democrático e mirando en ambas as direccións se pode gobernar", algo que, segundo asegurou, é o que practicou durante os seus anos de Goberno na Xunta.
No canto ás enquisas que lle dan vantaxe ao PP pero manteñen a Zapatero como máis valorado que Raxoi, explicou que se debe a que o voto socialista se ten que reflectir en que "quere manter" a Zapatero, "aínda que sexa o presidente máis desastroso que tivo España".
Para rematar, encomiou o alcalde de Madrid, Alberto Ruíz Gallardón, do que dixo que é unha "persoa respectada no partido, que xogou forte polos Xogos Olímpicos pero non ten desatendida" a cidade, e que ten un "gran futuro" no PP.
Descargar Tarifas