Acabo de descubrir que Francisco Correa, o sub-xefe (aparecerá algures o nome do SR. X, o capo?) da trama corrupta de financiamento ilegal do PP e de enriquecemento ilícito dos seus dirixentes, compartimos gostos e preferencias.
Segundo leo nos mentireiros impresos deste sábado magnífico de sol na terraza do café “A Suiça”, na lisboeta Praça do Rossio, ao Sr. Correa gústanlle as casas grandes, en bairros exclusivos, con bos veciños, como a súa residencia madrileña en
Alarcón –a do botellón, e perdoade o pareado, a vila con maior renda per capita do estado–, onde comparte veciñanza con Cristiano Ronaldo, entre outros, o que xa dá unha idea da flora e da fauna pululantes.
Gústanlle tamén as zonas bonitas, como a macrourbanización de Cádiz e os apartamentos en Marbella, ou os lugares idílicos, plantadas en meio á natureza, como a finca de Tarifa tamén da súa propiedade, paisaxe á que eu lle teño un afecto especial desde as primeiras estancias no cámping, fronte ao Estreito.
Gábase Correa de ter casa en Ibiza, Pozuelo, Majadahonda, Sotogrande, etc., e ten razón, madia leva, a quen non lle agradaría dispor dun curruncho nun canto calquera da nosa bonita península?
Mais tamén é certo que, nunha sociedade globalizada como esta, un home moderno non podería, por lóxica, descoidar a acción exterior, e aí temos esas casiñas en Brasil, Panamá, Colombia e Estados Unidos alomenos, que se saiba.
Correa e eu somos uns namorados do mar. Sábese, polas gravacións, que ten un par de barcos de luxo e uns cantos pontos de amarre ao longo da costa.
Xa que logo, e sen querer incomodar nin ofender a ninguén, xurde inevitabelmente unha preguntiña molesta: por que se sabe tan pouco da magnitude da fortuna dun individuo que representa, coma ninguén, un exemplo moral para a mocidade e para os novos valores en ascenso neste século XXI? Porque, igual ca min, Correa detesta as indiscrecións do xentío curioso, sempre a espiar a túa vida, coas envexas. Por iso mesmo, supomos nós, o
Sr. Correa nunca declarou a Facenda, o seu nome non consta na base de datos, e non aparece nada a seu nome no Rexistro da Propiedade.
De momento, os xuíces a penas puideron pescar uns 50 millóns de euros a seu nome, o que –ben mirado– tampouco é tanto, se temos en conta que van xa dez anos de traballo nas mallas negras do financiamento de Raxoi e do seu partido, xa desde a época do amigo Aznar.
O pouco que se puido averiguar débese a conversas gravadas por orde xudicial, pois é ben sabido o difícil que resulta seguirlle a pista a un señor que leva unha década saindo a cotío no Hola, nas TVs rosas, nas vodas palacianas e que compra alcaldes, senadores, deputados e paro por aquí porque non quero meterme nun lio.
Afeccionados ao deseño, a Correa e a min tamén nos encantan os Audis, as prazas de garaxe en pleno Colón, no centro de Madrid, as obras de arte, as viaxes de luxo e –por que non recoñecelo?– as top models das revistas.
Coma min, Correa privilexia as boas relacións coa familia por encima de todo, como o demostra a grande cantidade de negocios co cuñado, un avogado implicado no caso “Balea branca” de branqueo de diñeiro en Marbella (Creativos os policías á hora de buscarlle nome ás investigacións, no si?). Tamén a esposa de Correa puido testemuñar o cariño e o amor do seu querido esposo na enorme cantidade de xoias atopadas pola policía na caixa de seguridade nº 136 da sucursal de Unicaja en Marbella, o que fala moi ben dela, que polo que se ve, non quería as xoias para presumir e aparentar como faríamos todos, non, a señora prefería gardar o tesouro no banco, por si se torcían as cousas e chegaban tempos de crise, como acabou por acontecer por culpa de uns desalmados.
Si, compartimos infinidade de gostos e de preferencias. No único que non coincidimos é que eu non podo escaquearme de Facenda, como me gustaría, porque contrólanme até o último centavo, mesmo puxéronme unha multa porque esquecín incluír un pagamento de 30 euros por un acto universitario que non viña no resumo que me envían a casa.
Tampouco coincidiremos agora, cando nos toque aos “pringados” de a pée pagar a factura da crise que criaron os grandes banqueiros, pois a min si que me sacarán unha boa tallada no IRPF e nos impostos indirectos do IVE, namentres que a pasta dos Correas e amigos estará a salvo das gadoupas recadatorias nas paradisíacas Sociedades de Capital Variabel, que só cotizan o 1% das ganancias e onde se acubillan as grandes fortunas dos nosos ilustres.