Redacción . A segunda canle da TVG, a G2, eliminou da súa grella de programación a serie norteamericana 'A xuíza Amy', que se emitía en inglés. Fontes da canle explicaron que se emitía en inglés porque estaba programada nun 'horario marxinal'.
Despois das críticas feitas dende a Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia (APRADOGA) pola emisión da serie 'A xuíza Amy' en inglés sen subtitular a segunda canle da TVG decidiu deixar de emitir esta serie. De feito esta semana no seu lugar na grella de programación estase a emitir Galiza documentais e para a vindeira semana substituirase pola serie de ficción Mundo perdido. Dende a canle explicaron que se decidiu emitir o serial sen dobrar ao galego porque se emitía nunha franxa horaria “marxinal” e que, lonxe das presións e das críticas feitas dende o gremio dos dobradores, a decisión da suspensión responde á “busca de novas alternativas á programación”. A outra serie criticada polos dobradores por subtitularse ao galego cando o seu público maioritario son nenos que non saben ler, 'Os Teletubbies', segue a emitirse nos mesmos horarios.
Descargar Tarifas