
Núñez Feixóo con Durao Barroso en Bruxelas.
Se o tempo esterricase, podería respostar un por un a todos os correos, as mensaxes, as suxerencias, as críticas. As máis sinceras desculpas, pois o tempo, limitado e rabudo, énchese dun ronsel indefinido de múltiplas cousas laborais e non sempre permite atención individualizada a cada demanda dun blog. Sorpréndenme positivamente as entradas de paises de alén mar, que agradezo, e tamén a quen emprega o seu tempo para adicarlle un ollo a estas humildes opinións. En breve farei un texto participativo sobre Galiza e a paradiplomacia galega da nosa nación sen Estado, para lle dar resposta ao contexto das nosas e necesarias relacións internacionais e dunha estratexia por termos un estado propio, unha independencia que cada vez é máis precisa como obxectivo político, e máis revisando outros fenómenos coetáneos no contexto europeo, que avanzan sen complexos cara a este obxectivo. Profundizaremos entre todas e todas nós nos elementos que configuran unha nación coas voas achegas, intercambiaremos pareceres, sobre a lingua, o territorio, a historia, as relacións internacionais, a nosa posición en Europa, a nosa economia, estructura social etc.
Onte estivo no noso escritorio o secretario de Estado para Asuntos Europeos, Diego López Garrido, que iniciou unha rolda de contactos cos eurodeputados-as para falar da inminente presidencia española da UE no semestre do ano entrante. Comentáballe meu colega Oriol Junqueras (de ERC) varios temas importantes que debian ser tidos en conta, entre eles o tema do recoñecemento das linguas que hoxe afirmaba o secretario de Estado que voltaba a negociar co presidente do parlamento europeo (lembro que é o PP que imposibilita que as tres linguas cooficiais sexan lingua de uso na Eurocámara, pola vía da presenza na Mesa do parlamento europeo de Alejo Vidal-Quadras). Comentamos con López Garrido o tema das denuncias e vulneración da Rede Natura, o magoante caso de Touriñán como un caso paradigmático de intereses que incumplen a normativa ambiental, insistindo en que iamos dar batalla con este tema, así que quedamos emprazados a ter un encontro específico sobre tema ambiental e outro xenérico sobre os temas de interese para as nosas nacións. Alberte Núñez Feixóo paseouse por Bruxelas, para que ese tema vaia adiante, pero pola contra, non mantivo reunións específicas para negociar temas de pesca e do leite por exemplo. Non é novidade que veña pedir o tema do veto a Astano, como se for unha novidade, pois xa veu o ex conselleiro de Industria Fernando Blanco hai dous anos. Aqui hai que ter axendas de traballo sobre os verdadeiros problemas. Por que estaba prevista na axenda do comisario europeo das Pescas unha entrevista con Feixóo para o dia 7 de outubro?, por que foi anulada?, acaso polo feito que a entrevista co presidente da Comisión xa ten tanto rango xerárquico que anula un tratamento específico para falar co responsábel concreto do tema pesqueiro? Por que non foi recibido pola comisaria de Agricultura? Foi pedido ese encontro? Ben sei que o Colexio de Comisarios está presidido polo presidente da Comisión pero é unha Comisión que aínda vai nomear unha nova composición de membros nun mes, e debemos ter axendas concretas coas persoas responsábeis das políticas, como tivo tamén hai un ano o ex conselleiro de Medio Rural Alfredo Suárez Canal. Axendas de país, negociacións de Estado, do que non temos, aínda, en defensa da nosa terra, mar, ar, da xente e das inquedanzas da xente e os seus problemas. Ah, por certo, nunca recibín a axenda oficial do presidente da Xunta. ¿Foi un despiste, foi incompetencia, ou foi exclusión manifestada e ingnorancia? Non pasa nada, dende logo, só é un exemplo da ineficada da Fundación Galicia Europa como organismo.
Falaremos pois co responsábel estatal dos asuntos comunitarios de territorio, da protección da natureza. Concretamente de dous casos ben preocupantes que son a punta de lanza das falcatruadas urbanísticas, ambientais, das desfeitas patrimoniais, do desfacer dunha nación dende o punto de vista ecolóxico. Porque unha nación tamén se configura coa defensa do seu patrimonio ecolóxico e ambiental. Eu, que viaxo en autobús por Galiza enteira, cando traballo alá, –primeiro porque non conduzo, segundo porque así o pais entra polos ollos do día a día, de como realmente vive a xente, das carencias doutros medios máis ecolóxicos como os camiños de ferro. Un país que se ve a pé de estación, cando a nosa xente está nas frías estacións a pé de madrugada, a pé da noite escura da volta dos traballos. A última vez levoume ir dunha punta a outra do pais oito horas. Moito máis que chegar de Bruxelas a Cardiff hai agora dúas semanas (saín da casa ás 07h45, levei a meniña á ecola no bus, fun para o parlamento noutro bus, collin o metro até a gare de Midi, logo o comboio Eurostar para ir a Londres. Ás 11h15 saíndo do continente cara á illa, en hora e pico baixada en St Pancras, mudar de estación para coller o tube cara a outro comboio para chegar a Cardiff. De porta a porta, seis vehiculos diferentes, cinco horas). E só por contar a anécdota, comparativa nos tempos e espazos. Un país sen comboios, sen tranvias, un país con comunicacións ligadas á dependencia automobilística, que en boa parte a despoboación provoca, e tamén a escasa implicación pública para crear e apostar por unha política de transportes moderna.
Eses casos –Ribas de Sil e Touriñán– están sendo observados polo executivo comunitario. Aínda a semana pasada recibiamos resposta da Comisión Europea a unha pregunta parlamentar na que afirmaba que ía pedir que o Estado verificase o incumprimento dos feitos que o BNG e Adega denunciaban, e que de comprobarse, abriría un procedemento de infracción. En que medios galegos foi publicado? En ningún –así que quen queira a resposta, que nola pida que lla faremos chegar. Onte, as declaracións do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil repenicaba: "non podemos meternos en nacionalismos esaxerados. Unha asociación ecoloxista ou un partido non poden alterar a Lei da Auga. O BNG dálle a este asunto unha dimensión que non ten". Repeniquemos nós pois: Señor Liñares, non somos esaxerados, somos xustos e realistas, defensores do que cómpre, do que nos asenta como país e do que atenta contra el como os intereses evidentes que vostede parece amparar, e mentres haxa conciencia do que foi semente do noso patrimonio, do que nos dá consistencia, do que nos une co pasado, co contorno e para as presentes e futuras xeracións. Menospreza quen trata os demais en condicións de inferioridade, dando a impresión de que a reivindicación que defendemos, simbólica e real polo que significa como patrimonio da humanidade e polos feitos delictuais cometidos, non ten a dimensión suficiente... e logo, quereria tinxir o rio de vermello, quereria que dragasen aínda máis para que non voltase a auga, parécelle pouco o que se fixo en Ribas de Sil? Por sorte, mentres vostede menospreza a defensa que fan deste tema representantes do BNG en diferentes eidos parlamentares e colectivos ecoloxistas, a Comisión Europea investiga, apoiándonos na nosa demanda, na que non imos parar até esixir responsabilidades.
O territorio, o medio ambiente, o noso país, ten as dimensións que queiramos darlle, mesmo sexa un anaco do mesmo. Non vos parece?
O venres falaremos de lingua.
Descargar Tarifas