
Barack Obama, presidente dos Estados Unidos.
Pero ben, pasaron as festas e agora estamos... a velas vir. Ben, non de todo, pois esta fin de semana arrancaron as festas do meu barrio: "La Festa Major del Congrés". Que se nun primeiro momento case me esquecía de mencionalas, por algo será. Perderon moito, si. Lembro antes, unhas festazas! Catro ou cinco rúas cortadas, sardanas e charanga vermuteira, concurso de "allioli", orquestra de nivel e sobre todo unhas atraccións como deus manda. Saltón, autos de choque, tren do terror, camas elásticas e uns cantos postos de tómbola profesionais. Que por certo, un detalle. Por que as voces dos das tómbolas soan todas iguais? Algo deben de ter no micro, para que semellen ser todos o mesmo ao berrar: "Compra tu boleto, premio seguro. Mira, mira, mira... ¡la minimoto!" O micro tampouco entende o galego, ou igual si que o entende, pero non o fala... que iso pasa moito: "Yo te entiendo, pero no te lo hablo". Vaia por dios.
O caso é que as festas non son o que eran, vamos. Agora o saltón... a ver, saltar salta, pero así como por compromiso, xa non lle pon interese. Xunto a el, como única "atracción" máis está "El tren de la bruixa"... dous vagóns roídos que dan a volta circular mentres un tipo sen a ESO rematada e coa careta a medio poñer, che arrea coa vasoira, pero a mancar! Que pena, que pena, que pena...
Nestes últimos dias estiven, ademais de analizando festas de barrio, en Bruxelas. Si amigos, no centro galego da cidade belga presentei o meu espectáculo "Humor e jazz" un espectáculo que mestura humor e música jazz. Si, o título non está moi traballado... o show está algo máis pensado. En serio. Historias frenéticas, chistes difíciles que semellan fáciles e outras perlas, musicadas polo grupo mozo "Not Just Jazz", unha xente que o fai moi, moi ben, para compensar. Unha moi bonita experiencia, que supoñía a miña segunda viaxe ao estranxeiro despois dunha escapada a Andorra a por tabaco. E algún áxil lector e seguidor deste blog (¡!) dirá: "En anteriores posts comentou que estivera en Montpellier, non? Esa información non é certa. ¡Que lambón!". Ben amigo lector, se tiveches a ben facer esa reflexión, en primeiro lugar: Grazas. En segundo: Que friki, estar ao tanto de tal dato... era soamente un chiste. Aínda así, estiveches moi atento. Sigue así.
E para rematar unha reflexión, en referencia a nova da semana. Barack Obama, premio Nobel da Paz. Sen dúbida a entrega de tal recoñecemento ao presidente dos EE UU deu moito que falar. Falou entre outros, miña nai, que neste caso ten moito que dicir, pois leva o nome do premio. Non é que miña nai se chame Nobel, como o tabaco, senón Paz. Pois ben, a miña proxenitora, saltou alporizada ao saber da noticia e berrou indignada: "E que paz fixo ese?". Aí o deixo.
Descargar Tarifas