PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Portavoz de Lingua do PSdeG
Francisco Cerviño: ‘Feixóo tenta agradar a ultradereita coa lingua’

Charina Giráldez O PSdeG confirmou a súa presenta na manifestación do 18 de outubro convocada pola plataforma ‘Queremos Galego’. O portavoz de Lingua do Grupo parlamentario socialista, Francisco Cerviño, considera necesaria a ‘presión na rúa para frear a política agresiva de Núñez Feixóo’ en materia lingüística. Férreo defensor da Lei de Normalización e do Decreto do Galego no ensino, pensa que o único que pretende o presidente da Xunta é contentar a certos sectores urbanos con ‘prexuízos ancestrais’ e o ultranacionalismo español.

Reloxo 14.10.2009 | 07:49
TAGS: Cerviño , lingua ,

Francisco Cerviño, portavoz de Lingua do Grupo parlamentario socialista Francisco Cerviño, portavoz de Lingua do Grupo parlamentario socialista. Jessica Barcala/AGN

Por que o PSdeG decide apoiar a manifestación do 18 de outubro a prol da lingua?

O noso secretario xeral xa manifestou a decisión da dirección do partido de asistir porque compartimos a preocupación pola agresión que a lingua está a sufrir por parte do goberno de Núñez Feixóo. Existen outras plataformas, e a nós gustaríanos que cando menos se coordinasen, pero creo que non hai oposición entre unhas e outras. De feito, tanto ‘Galego, Patrimonio da Humanidade’ como ‘ProLingua’ expresaron o seu apoio á manifestación. En todo caso, é unha decisión independente desta reflexión. Nós pensamos que a presión na rúa é necesaria para ver se somos quen de frear a política agresiva de Núñez Feixóo.

Como ve a situación actual do galego?

Con enorme preocupación. Xa coas políticas anteriores, en plena vixencia da Lei de Normalización Lingüística, do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega, que se debeu aplicar con máis celeridade.

Os últimos informes do Consello da Cultura Galega e da RAG poñen de manifesto un retroceso da lingua galega, no principal indicador que é a perda de falantes, máis alá de certos matices nalgunhas áreas. A situación parécenos grave no canto a súa saúde como lingua, polo que consideramos un retroceso moi serio rectificar as medidas tomadas polo anterior goberno, nomeadamente no que se refire ao ensino, ou a retirada da esixencia aos funcionarios de cando menos un exame en galego. En primeiro lugar, porque pon en perigo a pervivencia do idioma a medio ou longo prazo, e ademais, porque conculca o dereito dos cidadáns galegofalantes a ser atendidos pola administración na súa propia lingua. Iso é o que nos preocupa.

Cales considera que son as razóns desta política da actual Xunta?

Creo que responde a unha decisión oportunista e irresponsábel de Núñez Feixóo xa durante a anterior lexislatura, porque detectou un malestar evidente nalgúns sectores urbanos coa cuestión da lingua galega que obedece a prexuízos ancestrais. Comezaron dicindo que o castelán estaba en perigo en Galiza, que simplemente é unha burrada, obviamente non responde a ningunha razón obxectiva. Aínda que logo ese discurso se modulou porque era insostíbel: a conculcación histórica dos dereitos lingüísticos segue a afectar os galegofalantes, máis aló dun caso anecdótico, que pode habelos.

Entón aproveitou ese 'malestar' nas cidades?

Penso que os populares detectaron ese malestar e de xeito oportunista puxeron en marcha unha campaña baixándose do decreto, malia estar consensuado con eles, por iso eu o cualifico de oportunista. Ademais, é irresponsábel porque xeraron un problema onde non o había co risco de abrir unha fenda entre os partidarios de alfabetizar e protexer a lingua galega e os contrarios, e coa idea de crear dúas comunidades de ensino: unha en castelán e outra en galego. Aparte de ser tecnicamente inviábel porque é carísimo, constitúe unha tolemia porque supón dividir a sociedade en dúas.

Por outra banda, está a posición de Feixóo na política española e as súas aspiracións coa lea do Gürtel. Parece que tenta agradar os poderes fácticos do ultranacionalismo español representados por El Mundo, a Cope, o ABC… a dereita mediática. Unha dereita centralista, durísima, unitarista... eu creo que está nesa fase de agradar, un pouco como diría Manuel María, un pouco colonizado, alleado e colonizado.

Moitos ven este asunto coma un claro exemplo de 'politización' da cuestión lingüística.

O galego temos que sacalo da batalla política. É un erro usalo como arma pero tamén unha tentación. De feito, Feixóo meteuse nun labirinto, con organizacións como Galicia Bilingüe ou a dereita mediática de Madrid, do que lle está a custar saír. Nós pensamos que o idioma non pode aparecer ligado por exemplo ao nacionalismo porque o politiza. A lingua é de todos, dos nacionalistas, socialistas, agnósticos, católicos...

Malia a política da Xunta, algúns militantes do PP xa confirmaron a súa participación na manifestación do 18 de outubro.

Paréceme magnífico. Oxalá foran moitos máis. Sería marabilloso. Estaría encantado de que houbese moita xente do PP na manifestación do sábado. De feito, estou seguro de que haberá militantes e votantes populares, pero dirixentes teño as miñas dúbidas. E iso que a min me consta que hai deputados moi inquedos e molestos con esta cuestión.

'Hai que acelerar o cumprimento do Plan de Normalización'
Que propón o PSdeG para contrarrestar esta política?

O cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e, polo tanto, a non derrogación do decreto do 50 por cento, como o coñecemos todos, que non é máis que un instrumento. O decreto non vai un milímetro máis aló do Plan aprobado polos tres grupos no Parlamento na última lexislatura de Fraga. Nós o que pensamos é que hai que acelerar o seu cumprimento, manter a lei de Normalización e, en consecuencia, manter o decreto tal e como está.

Pero se o Goberno da Xunta insiste en derrogalo?

Nós pensamos que hai que mantelo pero, no caso contrario, que parece que vai ser así, habería que negociar se é posíbel. A ver que poñen enriba da mesa. Nós non lle imos dar ao PP ningún aval que non garanta o obxectivo que non é outro que os nenos dominen as dúas linguas ao remate do ensino secundario obrigatorio. Teriamos que analizar o texto do decreto.
 

'Os topónimos son os que son'

O PSdeG non teme que polémicas como a que xurdiu na Coruña polo topónimo da cidade desvirtúen a postura do partido respecto á lingua?

A nosa postura oficial é clarísima neste momento. Somos totalmente contrarios a revisar a Lei de Normalización Lingüística e, polo tanto, non se poden cambiar os topónimos que son os que son. Reabrir o debate sobre o topónimo da cidade herculina é unha postura tamén oportunista de Negreira e do PP da Coruña para gañar algunha presa de votos. Independentemente, nós pensamos, e espero que así sexa, que o noso goberno da Coruña, manterá a posición que mantén o partido. Como alcalde da Coruña pode pensar outra cousa, pero eu espero que non. A posición do partido é inequívoca nesta cuestión.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río