André Cunha . Achegamos en exclusiva unha entrevista de André Cunha ao cineasta e músico dende Serbia, onde tivo lugar o festival Küstendorf. Na noite deste xoves, o artista dará un concerto na Coruña.
O enterro de Die Hard.
Das palabras máis serias do catálogo do festival á cerimonia de abertura foi a distancia da loucura que paira na "xungla" de ideas de Kusturica – o anfitrión e xefe da organización do festival. 3,2,1, acción… e este primeiro Küstendorf arrancou co funeral do filme Die Hard 4! Podes ler tamén "Falamos con Kusturica de ópera e punk". A entrevista completa, no próximo número d'A Nosa Terra.
O funeral do filme Die Hard 4 (o último até agora da serie Xungla de Cristal) foi unha especie de carta de intencións, de manifesto anti-hollywood para presentar este festival ao seu público, os novos e futuros cineastas?
Non. É arte conceptual. É arte que mostra que hai algúns símbolos e algunhas cousas que podemos usar en sentido contrario, dunha forma diferente daquela que se espera… Foi o enterro do cinema que se opón ao desenvolvemento dunha idea humanista que precisamos ter do [verdadeiro] cinema. Penso que o cinema mozo e os novos autores teñen que pensar dunha forma contraria ao cinema que enterramos. Esta foi unha forma espectacular de traer esa idea.
Había outros candidatos alén do Die Hard e de Bruce Willís? Talvez o Rocky?
Había moito outros candidatos, pero non o Rocky. el é simpático. O Die Hard ten unha carga ideolóxica, tamén por iso foi escollido. O Rocky… Nós sempre estivemos detrás do Rocky [a apoialo] porque o Rocky é un home pequeno que quere loitar e loita polo amor e pola vida. todo aquilo que no cinema merece o rótulo de simpatía, acho que pode sobrevivir. Os filmes que non teñen esa simpatía, tal como o Die Hard 4, penso que teñen de ser enterrados.
Eu falei do Rocky a xeito de provocación, porque el, e tamén o Bruce Lee, teñen estatuas en dous sitios aquí nos Balcáns…
Si, si. O Bruce Lee é un heroe, un absoluto heroe en todas as dimensións. Simpático, el loita pola xustiza e polo seu propio pobo. Por outro lado os seus filmes son moito naives pero moito fortes porque nós nos identificamos coas características bonitas deste home: en termos privados e como un heroe.
Descargar Tarifas