PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Concerto na Coruña, cinema en Serbia
Falamos con Emir Kusturica de ópera e punk

André Cunha "Son dúas cousas que nunca ninguén imaxinou que podían vir xuntas…" Así é como Emir Kusturica anticipa para A Nosa Terra o espectáculo na noite deste xoves une, no palco do Coliseo da Coruña, dous extremos da música.

Reloxo 24.01.2008 | 10:07

Emir Kusturica na presentación do International Küstendorf Film Festival Emir Kusturica na presentación do International Küstendorf Film Festival. Flickr: idealterna

Chamarlle ao Tempo dos xitanos unha ópera-punk, un concepto que o propio cineasta e músico creou, é máis que un mero xogo de palabras aparentemente paradoxal: "a ópera é un xénero musical que se desenvolve a partir dun sistema e dun conxunto de regras que son moi respectadas. A música punk está do lado oposto da imaxe que as persoas teñen da realidade da música. O punk non ten os mellores músicos e no punk non hai nada que estea sequera preto da perfección. Polo tanto, a idea de combinar os dous xéneros é ser espontáneo e individual, tal e como é o punk, pero tamén, ao fin de contas, respectar as regras da ópera", conclúe nesta conversa realizada en Mecavnik, a aldea que o propio Kusturica idealizou, nun val perdido de Serbia, como se fose a súa propia illa.

Despois da estrea do espectáculo o ano pasado, en París, o Le Monde alixeirou para ópera-rock o concepto do show que Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra (coa participación, tamén, da The Garbage Serbian Philharmonia) presentan na súa estrea na Coruña. Mantendo a designación do propio autor, esta ópera-punk usa o filme homónimo como libreto. É un novo exercicio no casamento que Kusturica procura na súa expresión artística: a simbiose do cinema e da música, non como dúas marxes dun mesmo río unidas por unha ponte que el constrúe, senón converténdose o propio río na fonte do seu traballo. A música e o cinema son augas de dous afluentes que se encontraron no extravagante ventre intelectual deste criador serbio. Dito por el, dunha forma máis simple, "nada pode ser mellor espello dun filme que a música e é por iso que eu tento mesturar os dous elementos", lembrando como Fellini ensinaba a ver un filme a través da súa musicalidade.

É por respecto ao grande mestre, que Kusturica chama de "amigo", que a lenda italiana do cinema dá o nome a unha das rúas da aldea étnica de Mecavnik, o refuxio do realizador, en Mokra Gora, nun dos vales máis abraiantes de Serbia. Foi aquí, nesta fin do mundo (ou debo escribir "principio do mundo" para non provocar a Kusturica?) que até á última segunda-feira, día 21, decorreu a primeira edición do festival internacional de cinema e de música Küstendorf, dirixido sobre todo a un público de novos cineastas e estudantes da sétima arte, a gran maioría deles con menos de 30 anos (o programa incluíu, ademais da sección de competición, concertos e, entre outras proxeccións, unha retrospectiva de Nikita Mihalkov).

Foi este proxecto o que mantivo a Kusturica atarefado nas vésperas da viaxe para Galiza, a escala entre unha primeira actuación en Barcelona e a pasaxe, xa esta fin de semana, por Porto e por Lisboa. O artista serbio chama unha parte da tribo do cinema á súa aldea para lles dicir que "(…) o futuro do cinema é semellante ao destino da ópera hoxe. Aqueles aos que lles gusta falar polos seus teléfonos móbiles mentres ven un filme – que nós non podemos culpar polas súas preferencias – van probabelmente continuar a facelo, e a posición do cinema mentres forma de arte vai ficar seriamente en perigo. Eu teño a certeza que, tal como os espectáculos do Cirque du Soleíl ou dunha ópera famosa levan centenas de millares de espectadores a tantas cidades, o cinema vai sobrevivir nunha forma semellante e calquera gran cidade vai ter dúas ou tres grandes salas de cinema, tal como [esas cidades] teñen aqueles grandes pavillóns onde as compañías de circo van actuar (…) ".

Poden ler tamén "Kusturica fálanos de cinema". A entrevista completa, no próximo número d'A Nosa Terra. 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río