Sucesións (Foto: Salvador Sas)
Os ambiciosos cálculos de Alberto Núñez Feixóo medran grazas aos fracasos e torpezas dos outros líderes conservadores. A popularidade de Esperanza Aguirre, Francisco Camps, Javier Arenas e mesmo Mariano Raxoi, involucrados de pensamento, palabra, obra ou omisión no financiamento ilegal do PP e noutras corrupcións e corruptelas, vive horas de devalo. Feixóo con gobernación de estrea acumula gabanzas e fascina os xornalistas da capital explotando a miraxe de ser un político do PP que non parece do PP. Feixóo é o abandeirado non xa da nova dereita senón da novísima dereita suma de todos os conservadorismos precedentes, voceiro dunha dereita cínica e nihilista á que todo lle vale se serve para conservar os privilexios dos poderosos, reter o poder e agrandalo sen límite á marxe dos cidadáns.
Aníbal e os seus elefantes
Os asesores presidenciais seguramente están pensando en bordar nas súas camisas de seda o lema que lle regalou Andreu Buenafuente: “Feixóo, un home do Partido Popular que sabe gañar eleccións”, malia que todo indica que o diagnóstico, que Plutarco lle fixo a Aníbal nas súas Vidas paralelas, é igualmente acaido para Feixóo: sabe vencer pero non sabe que facer coa vitoria.
De feito, no primeiro semestre triunfal, non gobernou Aníbal senón os seus elefantes. Os tres superconselleiros da Administración Feixóo (Alfonso Rueda, Xavier Guerra e Agustín Hernández) xestionan atendendo a unha rigorosa orde de prebendas: primeiro, coidar dos intereses das megacorporacións económicas ou mediáticas; a seguir, santificar unha orballada de favores para regar a axenda clientelar dos alcaldes do PPdeG e a facturación (discreta) das empresas da familia popular; e, por último e coas frangullas que quedan da súa política de austeridade, dar conta dos intereses xerais do país.
O glamour mediático arroupa, porén, non os conselleiros máis económicos senón os máis ideolóxicos. Como elefantes na olaría, Roberto Varela deconstrúe todo sinal identitario nas políticas culturais ou deportivas, Xesús Vázquez fai operativa a estratexia monolingüe de Gloria Lago, e Pilar Farjas, a nosa conselleira espiritual de sanidade, está máis decidida a salvar almas que a coidar das doenzas dos corpos. Eles acaparan os titulares triunfantes que máis lle prestan a un presidente que non sabe que facer co noso autogoberno.
No século XVII os pensadores radicais en Gran Bretaña confrontaban a política da court coa do country, dándolles voz aos aos intereses do país fronte aos abusos da corte. En Galiza, a día de hoxe, a nosa historia política pode relatarse como o triunfo dos caprichos da Xunta sobre as demandas da Xente. A política derrogatoria de Feixóo ten sempre o mesmo tipo de beneficiarios: os grandes entre os grandes, a súa é unha política que mima os poderosos e despreza os pebleos. Esta é a marca distintiva da novísima dereita, da dereita máis á dereita de todas as dereitas.
Na antesala de glorias maiores
As revelación do caso Gürtel amezan con crebar o espiñazo da dirixencia do PP postaznarista. As boas perspectivas electorais do PP están empardecidas por unha crecente crise de liderado. Raxoi imita cada vez máis a Moisés, esténdese a sospeita de que levará as tribos populares até as portas da Terra Prometida pero non entrará nela. A lección galega de 2005 comeza a pairar sobre a definición de posíbeis saídas de emerxencia: se o PPdeG tivese feito un esforzo renovador e arredado do cartel electoral a Manuel Fraga, posibelmente non tería sido derrotado. Ou Raxoi reacciona ou haberá que forzar un relevo, escóitase dicir nos cenáculos dos poderosos.
Na quiniela sucesoria ninguén está mellor colocado que Núñez Feixóo, con idade para ter un longo percorrido, experiencia de xestión, sen grandes hipotecas do pasado, afillado pola vella garda aristocrática do Partido Popular e marianista sen complexos, gobernante en activo nun feudo conservador tradicional, querido pola prensa madrileña e ovacionado pola local, suma o mellor de Gallardón e ningún dos seus defectos, é ambicioso, soberbio e intransixente pero preséntase humilde, accesíbel e cordial. Na cociña de Monte Pío e na sala de caldeiras de Génova non se fala doutra cousa que das súas virtudes presidenciais e iso que aínda non comezou a gobernar en Galiza.
Feixóo é un gorrón intelixente, sabe que de momento lle basta con ficar no segundo posto. Se a Raxoi lle vai ben, a el iralle ben. Se Raxoi fracasa, a el podería irlle aínda mellor. Emendando a Francis Picabia, que sostiña que “a única maneira de ser seguido é correr máis de présa que os demais”, Feixóo sabe coma ningúen que, en terreo minado, é preferíbel que Raxoi marche por diante.
Núñez Feixóo ten as chaves da saída de emerxencia pero, até que se produza o cataclismo, seguirá labrando a imaxe de colaborador leal, incondicional, de Raxoi ("Con Raxoi non só falo cun presidente, falo cun amigo"); dosificará con cautela as súas ambición sucesorias e continuará tecendo panos de fume sobre as súas aspiracións: “Desde que cheguei, sempre dixeron que chegaba para irme, e quedei. Porque eu sempre dixen que chegaba para quedar.” Como ninguén sabe que necesita tempo (para irse nas mellores condicións) pero se hai que ofrecerse como home providencial para salvar o Partido Popular e triunfos electorais futuros, está disposto a sacrificarse pola causa en canto llo pidan.
O premio Nobel de Física, Murray Gell-Mann, sentenciou: "Se vin máis lonxe que outros é porque estou rodeado de ananos." Feixóo está absolutamente convencido de que no Partido Popular está arrodeado de ananos. Enténdese como o único xigante nun país de ananos. O noso presidente hoxe olla moito máis lonxe de Monte Pío, enxerga a sala de mandos da rúa Génova e a mesa das grandes decisións da Moncloa, quizais.
Descargar Tarifas