PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Secretario xeral da CIG-Ensino
Anxo Louzao: 'O Goberno quere que o galego sexa cada día menos útil'

M. Obelleiro A CIG é unha das entidades adheridas á plataforma cidadá 'Queremos Galego', que o 18 de outubro celebra en Compostela unha manifestación en defensa do idioma. O secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, cualifica de 'nefasta' e 'inaudita' a política lingüística que está a desenvolver o PP desde a Xunta. Ante a liña 'desgaleguizadora' do PPdeG, o representante da central sindical advirte, 'o Goberno vainos ter enfronte'.

Reloxo 09.10.2009 | 07:30

Anxo Louzao Anxo Louzao. AGN

Por que decide a CIG adherirse a “Queremos Galego”?

Desde o primeiro momento, compartimos os obxectivos da plataforma, que naceu nun momento caracterizado polo grave ataque do PP á lingua. Decidimos unir todos os esforzos para confluír nunha entidade coa que actuar contra as propostas e medidas do PP, que está a seguir unha política desgaleguizadora cunha meta clara, a eliminación do galego.

Como valora a política da Xunta en materia lingüística?

É máis que nefasta. A loita que mantén este Goberno contra o idioma non deixa de ser inaudita. Trátase dunha actitude sen precedentes, obsesiva en contra do galego e que persegue todos os pequenos avances que se deran até o de agora no campo da normalización lingüística. Malia ser o idioma propio do país, o galego é proscrito, marxinado e carece dos dereitos cos que conta o castelán. O PP alimenta esta situación porque lle ten unha fobia e unha aversión total á lingua e deste xeito trata de que cada vez teña menos usos e que sexa menos útil.

En que se materializa esa aversión da que fala?

En menos de seis meses, o PP modificou a Lei da Función Pública –co que non garante o uso do noso idioma na Administración– e eliminou do decreto de Educación Infantil a referencia ao propio decreto que regula o uso e promoción da lingua no ensino para evitar que se impartise o 50 por cento das materias en galego nos ámbitos castelanfalantes. A Xunta do PP acaba tamén de eliminar as axudas aos programas de inmersión lingüística en ámbitos castelanfalantes en Infantil e modificou á baixa os premios para a innovación e a normalización no eido educativo. Acabamos de coñecer tamén que o Goberno atrasa as axudas á normalización e nuns meses, coñeceremos o novo decreto que substituirá o 124/2007.

Militantes do PPdeG móstranse en desacordo coa política lingüística que está a seguir o partido. Que lle parece?

O deseño da política lingüística do PP emana dunha visión de extrema dereita, ultraliberal e de destruír todo o que é plural. O PPdeG está a seguir o marco ideolóxico da FAES. Existen sectores minoritarios dentro do partido que non ven con bos ollos estas actuacións e neste sentido paréceme moi ben. Non obstante, gustaríame que ese sector se rebelase para tratar de frear a política de agresión. Pero non só o PP ataca o galego. Hai amplos sectores dentro do PsdeG que participan desta liña lingüística. Puidémolo comprobar coa polémica do topónimo de A Coruña. O propio secretario xeral do partido, Manuel Vázquez, e parte da Corporación actual no concello mostráronse a favor da cooficialidade de “La Coruña”.

'Entran moitos máis nenos na escola falando galego dos que saen'

Cal é a situación do galego na educación?

O sistema educativo na Galiza está españolizado. Entran máis nenos falando galego dos que saen. A isto súmaselle o incumprimento total do decreto vixente que regula o uso e promoción da lingua. Non está elaborado o Plan de Formación do Profesorado, non se crearon as comisións territoriais, non hai material curricular e didáctico para Formación Profesional en galego nin se artellou o plan para os inmigrantes. Neste contexto, a Xunta vai ter enfronte a CIG porque non imos permitir que se rebaixe o marco actual de mínimos.

Que defenderá a CIG-Ensino na negociación do novo decreto?

O decreto 124/2007 supuxo un avance importante, malia que non se aplica. Con todo, segue a ser unha normativa de mínimos. A CIG persegue un ensino todo en galego agás as linguas. Este obxectivo tense que cumprir se non queremos que a lingua desapareza. É un modelo de inmersión aplicado desde hai anos con éxito en Catalunya e non supón que a cidadanía non entenda outros idiomas. A CIG-Ensino non vai dar ningún paso atrás na lexislación do idioma porque os poucos dereitos da lingua nin sequera están a ser recoñecidos. Despois de 26 anos da súa creación, a Lei de Normalización Lingüística non se está a cumprir. Temos que facer do galego un idioma “normal”, lograr que goce de plenos dereitos no seu país.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río