Redacción . A escritora xermano-rumana Herta Müller obtivo o Premio Nobel de Literatura 2009, segundo deu a coñecer hoxe a Academia Sueca. A autora ten traducida ao galego 'O home é un grande faisán no mundo', publicada en 2001 por Xerais, e traducida ao galego por Franck Meyer.
Herta Müller naceu na comunidade rumana xermanofalante de Nitzkydorf, situada en Banat (Romanía) en 1953. Pertencente á minoría xermanófona de Romanía, seus pais viviron a Segunda Guerra Mundial e as súas nefastas consecuencias. De feito a súa nai foi deportada a un campo de traballo en Ucrania (daquela pertencente á Unión Soviética) durante 5 anos, razón pola que a escritora escribiu sobre o exilio dos alemáns de Romanía na súa última obra Atemschaukel (2009). Coñecida pola súa oposición ao réxime de Nicolai Ceaucescu, é coñecida pola súa loita a prol da liberdade de expresión e acosada por negarse a cooperar coa policía secreta do réxime. A autora conta cunha obra traducida ao galego O home é un grande faisán no mundo (Xerais 2001) por Franck Meyer, columnista colaborador de A Nosa Terra, prologado pola tamén colaboradora de ANT, Marga Romero.
Herta Müller.
Capa de 'O home é un grande faisán', de Herta Müller, en galego
A zona xeográfica onde viviu Herta Müller en Romanía chámase Bánát, unha rexión que hoxe está dividida entre Romanía, Hungría e Iugoslavia, aquí é onde está ambientada a súa obra, cos problemas do réxime totalitario, das diferentes minorías culturais sempre detrás, mostrando un clima de cárcere do que é preciso saír. Desde o século XVIII, houbo tres grandes ondas de emigración alemá a esta rexión, que conformaron un lugar case alemán, estas persoas mantiveron os costumes, as crenzas e a lingua alemás.
Herta Müller aprendeu o idioma romanés cando tiña 15 anos, toda a súa infancia transcorreu en alemán, esta problemática lingüística e de integración é tema recorrente nos seus escritos. Finalmente estudaría romanés para obter esas outras palabras e as imaxes que elas gardan.
Ela vive Bánát e Alemaña como dous mundos, a lingua alemá que uniu eses dous mundos, o primeiro, no que creceu, o segundo, no que se asentou, ten unha mesma raíz, un mesmo código, un vocabulario, pero as relacións destes sistemas lingüísticos coa realidade son diferentes, a creación de imaxes, as evocacións que se poden crear con estas palabras, todos elas alemás son diferentes. Atrás das palabras agáchase outra cultura, toda unha historia. Hoxe podemos dicir que Herta Müller domina e coñece o romeno, que aprende na adolescencia, o alemán de Bánát, lingua da infancia e o alemán de Alemaña, o da súa instalación na madurez. Nos seus escritos hai moito das súas vivencias como suaba do Bánát, como muller nunha pequena aldea.
O home é un grande faisán no mundo
O home é un grande faisán no mundo[único libro seu traducido ao galego] publicouse [en alemán]en 1986, o título é un refrán romanés que traslada a imaxe da torpeza do faisán, impedido de voar verdadeiramente, a torpeza e desgraza do home. Balada da espera dunha familia alemá nacida no Bánát que desexa emigrar a Alemaña, onde estaban as súas orixes, a espera contando os anos e os días para obter o pasaporte que os leve á terra prometida. A marcha vaise converter no devalar do relato na necesidade dunha fuxida.
Descargar Tarifas