Manuel Vilas . A estratexia de defensa do PPdeG pasa por sacar á luz os contratos do bipartito con empresas imputadas na trama, contratos aos que ANT xa fixo referencia en febreiro. Así o deixou entrever esta mañá Alberte Nuñez Feixóo tras a rolda de prensa do Consello, onde tivo que soportar unha ducia de preguntas da prensa sobre o escándalo.
“Gustaríame saber se hai algún contrato desas empresas feito polo goberno bipartito”, dixo hoxe o líder conservador. Feixóo ironizou “non vaia ser que o bipartito teña algo que ver con este asunto”. O presidente da Xunta é plenamente consciente que así é, polo menos até certo punto. As empresas de Correa e Crespo non traballaron para o bipartito, as que presuntamente pagaron comisións si É e que no caso Gürtel hai dous tipos de empresas involucradas. En primeiro lugar, as controladas polos hoxe presos Francisco Correa e Pablo Crespo, que terían logrado contratos de administracións do PP a cambio de pagar comisións, rebaixar tarifas de actos electorais do PP ou facer regalos a cargos conservadores. Todas elas están bloqueadas pola Xustiza , por exemplo, Special Events, que organizou as campañas do PP galego entre 1996 e 1999 e que en 2002 logrou dous contratos da Consellaría de Agricultura de Xosé Manuel Diz Guedes en 2002 sobre as vacas tolas. Ningunha destas firmas da trama traballou para o bipartito, segundo as adxudicacións do DOG. Nun segundo grao de implicación, están as empresas cuxos donos están imputados por pagar comisións a Correa e Crespo para que lle conseguisen contratos de administración gobernadas polo PP. Son empresas en crise (por exemplo Bergar SA e Teconsa están en concurso de acreedores) pero non intervidas. Algunha delas, como informou ANT en febreiro deste ano ao estalar o escándalo, tamén traballaron coa anterior Xunta. Hispánica traballou con Portos co PP e co PSOE Así, unha das construtoras investigadas é Hispánica, que logrou varias adxudicacións a dedo de Portos de Galicia en 2004 cando Crespo era vogal deste ente público. Adxudicacións nas que, como desvelou ANT, o Consello de Contas atopou graves irregularidades. O certo é que Hispánica tamén logrou adxudicacións do bipartito. Por exemplo, en 2007 conseguiu dous contratos de 1,3 millóns de Política Territorial e 1,4 millóns de Portos, dúas administracións que estaban en mans do PSOE a través do departamento que dirixía María Xosé Caride. O mesmo sucede coas empresas do Grupo Martínez Nuñez (Teconsa e Proínsa), tamén citadas no caso por presuntamente beneficiarse do pago de comisións a políticos de PP e que tamén levaron contratos tanto coa administración de Manuel Fraga como co bipartito. Feixóo acusa ao PSOE de ir dosificando a información Polo demais, Feixóo teimou en que non hai dirixentes actuais do PP relacionados cunha trama que di é de “hai dez ou once anos”. O político tamén insinuou que o PSOE dispón de máis información sobre o caso que o PP e que está a dosificala para prolongar o rebumbio nos medios. O presidente tivo que responder a unha ducia de preguntas seguidas da prensa sobre o Gürtel, até que pediu aos xornalistas que lanzaran cuestións directamente relacionadas coa súa labor de goberno.
María Xosé Caride, ex-conselleira de Política Territorail, e Emilio Pérez Touriño, ex-presidente da Xunta.
Descargar Tarifas