Redacción . A segunda canle da TVG emite dende o pasado mes de setembro programación en inglés. Un deses produtos coa que a televisión pública aspira a fomentar unha cultura trilingüe son os 'Teletubbies' e outro a serie americana 'A xuíza Amy'. A primeira emítese en inglés con subtítulos en galego e a segunda sen eles. A Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia mostrou o seu 'desconcerto' ante esta decisión que contradí o artigo 1 da lei da fundación da TVG. O 16 de outubro a asociación profesional reunirase coa dirección da canle pública para coñecer a política que se pretende seguir no eido da dobraxe.
'A xuíza Amy'
O presidente de APRADOGA (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia), Xosé A. Rubal, mostrouse "desconcertado" pola política que está a levar a cabo a TVG en materia de dobraxe. Na actualidade G2, a segunda canle da televisión pública, está a emitir en inglés con subtítulos en galego o programa infantil Teletubbies, que xa se emitiu dobrado, e a serie americana A xuíza Amy, esta sen subtítulos. Esta política, como apunta APRADOGA, contradí o artigo primeiro da lei da fundación da TVG, que obriga a canle pública a emitir todos os seus produtos en galego atendendo o compromiso na defensa dos valores da cultura e do idiomas galegos.
Con respecto aos Teletubbies, o presidente de APRADOGA pregúntase como un espazo dirixido a nenos de entre 0 e 4 anos, que non saben ler, opta polo sistema de subtítulos. "É unha decisión que non ten precedentes en ningunha canle española", sinala. Como el mesmo explica, pedagogos defenden que a mellor maneira de achegarse a un idioma que non é o propio é mediante a supervisión dun pedagogo e non directamente como pretende facer a TVG.
A TVG avanzou ademais que en novembro emitirá en G2, tamén en inglés con subtítulos, a serie Dawson Creek, dirixida ao público infantil e xuvenil.
APRADOGA móstrase prudente á hora de facer unha análise das motivacións que se agachan detrás destas decisións até que se reúna o próximo 16 de outubro cos directivos de programación allea da TVG, pero ve nelas unha intención de recorte das inversións en dobraxe e unha compoñente ideolóxica "que nos fai cuestionar até que punto están implicados na defensa do galego".
Descargar Tarifas