M. Obelleiro . Nel Vidal (Ribeira, 1980), presidente da Coordinadora de Traballadores/as da Normalización da Lingua (CTNL) e técnico de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, forma parte da comisión xestora de 'Queremos Galego'. O tamén membro de 'ProLingua' advirte de que é a sociedade quen debe protagonizar o proceso de normalización do idioma. Nesta liña, anima os galegos e galegas a asistir á manifestación en defensa da lingua que se celebra o 18 de outubro.
Por que decide adherirse ás plataformas en defensa da lingua? Por un compromiso social ante os evidentes retrocesos anunciados ou xa efectivizados polo Goberno do PP en materia lingüística como a modificación da Lei da Función Pública ou a derrogación do decreto que regula o uso do galego no ensino. Tamén hai outros asuntos de menor repercusión, pero de gran calado social, como a desaparición da música do país da Radio Galega, a supresión do Culturgal ou a eliminación das axudas ás traducións en galego. E por que xorden arestora? Nacen cando o PP comeza a facer efectivas as medidas de desmantelamento da lingua que anunciara na campaña electoral. Nun primeiro momento parecían accións electoralistas, pero o PP converteu eses anuncios en feitos ante a presión de grupos como Galicia Bilingüe. Como ve a situación social do galego? Adoito ser optimista porque o galego segue a ser a lingua maioritaria do país –sobre todo nas vilas medias e no rural–, pero a situación non é a mellor das posíbeis. O galego require de moitas medidas de apoio, protección e promoción para evitar a perda de falantes. A normalización é un proceso social de cambio que ten que ser asumido pola sociedade. A cidadanía debe protagonizar o cambio, pero as institucións teñen a obriga e a responsabilidade de apoiar o proceso.
Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística.
Como percibe a política lingüística que está a desenvolver o PPdeG na Xunta?
Véxoa moi perigosa. O máis prexudicial xa non son as medidas en si mesmas que tomaron desde a Xunta, senón a concienciación ou prexuízos que están a introducir na sociedade –como a falsa imposición da lingua– ou mitos que son inexistentes –que o galego non serve para todos os contextos, que está ideoloxizado... En segundo lugar, a Xunta está a tocar a liña máis baixa, os acordos que se adoptaron na propia transición. Cómpre lembrar que tanto a Lei de Normalización Lingüística como o Estatuto xurdiron por un consenso social tras unha guerra civil e unha ditadura.
Que é necesario facer para cambiar esta situación?
A sociedade ten que dicir até onde quere chegar no tema lingüístico. Como sociedade temos que actuar tanto utilizando o galego en todos os contextos como reclamando o dereito a poder empregar a lingua. Hai que esixirlles aos poderes públicos e á Administración o dereito a empregar o galego en ámbitos públicos e privados –nas clínicas, nos comercios, nos medios de comunicación... Para isto, o primeiro é coñecer o noso idioma –no ensino cómpre garantir o seu coñecemento en todo o alumnado.
A lingua é unha cuestión partidaria?
A cuestión lingüística é moi política. O que vexo partidaria non é a defensa do galego, senón a utilización da lingua por parte do PP ao longo da campaña e na actualidade. Desde o PP úsase o galego como elemento de conflito social cun beneficio claramente partidario. As plataformas en defensa da lingua intentan todo o contrario, demostrar que a lingua é de todos e que non pode ser utilizada.
Descargar Tarifas