PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Portavoz de Política Lingüística do PPdeG
Agustín Baamonde: 'Os militantes do PP poden ir á manifestación da lingua'

M. Obelleiro Agustín Baamonde, responsábel de Política Lingüística no Grupo Parlamentar do PPdeG, considera 'normal' e 'correcto' que xurdan plataformas a prol da lingua. Con todo, parécelle 'prematura' a manifestación que convoca 'Queremos Galego' o 18 de outubro. 'Habería que agardar a que saíse publicado o decreto do galego no ensino', apunta. O deputado do PPdeG admite que non tomou 'ningunha decisión' acerca da súa asistencia á manifestación e sinala que 'os militantes do PP teñen plena liberdade á hora de asistir á marcha'. Nesta entrevista, Baamonde tamén analiza a situación política á que se enfronta a lingua.

Reloxo 07.10.2009 | 07:16

Agustín Baamonde, deputado do PPdeG Agustín Baamonde, deputado do PPdeG. AGN

Como ve a proliferación de plataformas en defensa da lingua?

Evidentemente, a problemática do galego está no primeiro punto de vista das preocupacións sociais pola ofensiva que se está a dar desde sectores castelanfalantes. Nesta liña vexo normal que os defensores do galego artellen a súa defensa. Tamén me parece correcto que se celebre a manifestación da lingua o 18 de outubro. Con todo, vexo que medidas como a esta mobilización son prematuras e precipitadas. Habería que agardar a que saia publicado antes de final de ano o decreto do galego no ensino que está a preparar a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O decreto vai ser o que marque a tendencia neste campo porque marcará o sentir da Xunta.

A creación destas entidades responde á política lingüística que desenvolve a Xunta. Cal é a postura do PPdeG ao respecto?

O PP está a adoptar unha postura que vén condicionada polo resultado das eleccións. No noso programa, introducimos uns factores en relación coa lingua que hai que cumprir, como a modificación do decreto que regula o uso do idioma no ensino. Con todo, o PP ten en conta que o galego é o máis significativo dos nosos sinais de identidade, por iso consideramos que hai que defendelo. Aínda que haxa sectores da sociedade que atacan a lingua, nós estamos lonxe diso.

Rafael Cuíña confirmou en A Nosa Terra a súa asistencia á manifestación de "Queremos Galego". Que lle parece que asistan militantes do PP?

Cada un no PP ten plena liberdade á hora de opinar sobre a lingua. Cuíña tamén ten liberdade para facelo. No PP non hai directrices que determinen a que manifestacións deben ir os militantes e a cales non. Que o PP participe como partido nas manifestacións –tanto nesta como na de Galicia Bilingüe– non o vexo doado, porque significaría tomar unha posición política e iso hai que facelo no seu momento, non agora.

Manifestarase a favor da lingua o 18 de outubro?

Pois non tomei ningunha decisión ao respecto, pero a miña asistencia non sería relevante porque, de ir, asistiría a nivel persoal, non como cargo do PP.

"Gustaríame que os meus compañeiros falasen en galego no parlamento"
“Existen sectores urbanos no PPdeG que reivindican fortemente o uso do castelán”

Vostede ten afirmado que a defensa do galego foi un dos alicerces sobre os que Manuel Fraga construíu o PPdeG. Ve cambios ao respecto no PPdeG actual?

Cando Fraga chegou de Madrid, moitos pensaban que imporía o castelán... pero non. Empregou o galego como a súa lingua habitual e logrou unha coexistencia entre o galego e o castelán pacífica. Daquela non había confrontacións ao respecto. No PP, a idea de defender a lingua non cambiou. Como tampouco cambiou a idea de que o galeguismo é a unión entre os diferentes sectores do partido. O certo é que existen sectores urbanos no PPdeG –sobre todo na Coruña e en Vigo– que reivindican fortemente o uso do castelán. Esta presión está en todos os partidos. Tamén está presente nas filas do PSdeG. Vimos de comprobalo coa polémica do topónimo da Coruña.

Para cambiar os topónimos, habería que modificar a Lei de Normalización Lingüística aprobada por consenso por todos os grupos parlamentares...

A modificación da Lei de Normalización Lingüística preocúpame porque a norma foi aprobada por consenso. No caso de que se acometa unha modificación ten que imperar o consenso. O PP estabelecerá a súa postura en función das peticións sociais. Somos conscientes de que a Lei de Normalización, como calquera lei, pode ser modificada.

Vostede ten apuntado que a alma de Galiza se expresa en galego. Como explica que compañeiros seus se expresen en castelán no Parlamento galego?

Penso que na vida persoal, cadaquén é libre de expresarse en calquera lingua, pero dentro do Parlamento, gustaríame que os meus compañeiros se dirixisen en galego. Con todo, maioritariamente o PP usa o galego desde a tribuna do Hórreo, mesmo por deputados que son castelanfalantes.

"Hai que ter coidado coa utilización de 'bilingüismo' porque algúns invócano para beneficiar o castelán"

Apuntaba que certos sectores da sociedade atacan a lingua, pero desde a oposición tense apuntado que é o PP quen “ataca” o galego e mesmo se fala de “auto odio”...

Non existe auto odio con respecto á lingua nin desde o PP nin desde a sociedade, porque a inmensa maioría ama o galego. Probabelmente haxa un problema de autoestima nos que pensan que falar só en galego é unha limitación. Nós tamén consideramos que o galego é a lingua propia de Galiza e que cómpre defendela. O castelán ten unha forza expansiva enorme, tanto pola súa implantación social como pola súa presenza nos medios de comunicación. O “perigo” que algúns ven en que poida desaparecer en Galiza non é certo, pero tampouco vexo que o galego poida chegar a desaparecer algún día, porque se aguantou o franquismo...

A que se refire cando fala de defensa do galego?

Fronte á imposición ou inmersión que ensaiou o bipartito, o PP opta pola normalización e pola liberdade. Así, vemos necesario compatibilizar o galego e o castelán, chegar a un bilingüismo efectivo.

Hai quen emprega o bilingüismo como unha camuflaxe para impor o castelán. Que é o que entende o PP por “bilingüismo efectivo”?

Ten que ser un bilingüismo real no que tanto o galego coma o castelán teñan os seus dereitos e os seus deberes. Hai que ter coidado coa utilización do termo porque algúns invocan o bilingüismo para beneficiar o castelán e para que o galego quede como reduto, como un dialecto. Pero este non é o concepto de bilingüismo que manexa o PP.

A oposición ten acusado o PP de querer sacar a lingua do ensino coa modificación do decreto...

O decreto non é tanto a normativa senón a interpretación. Co decreto do bipartito houbo centros de ensino que decidiron impartir case todas as clases en galego e con iso conseguiuse o efecto contrario do que se pretendía, porque a xente non admite que se lle impoña o uso dunha lingua. Todos somos conscientes que dentro do ensino hai que artellar esas medidas de defensa e que cómpre que os nenos teñan un coñecemento importante do galego.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río