Manuel Vilas . Xosé Ramón Blanco Balín debúxase como un dos empresarios claves da trama Gürtel en Galiza. O sumario, desvelado hoxe parcialmente, proba que Balín está a encargarse do mantemento das familias dos reclusos Pablo Crespo (ex-número 3 do PPdeG e vogal de Portos de Galicia até 2005) e Francisco Correa (líder da trama).
Balín está imputado persoalmente no Gurtel e é directivo de varias empresas que tamén están acusadas no sumario. Por exemplo, a coñecida construtora Teconsa, imputada pola “adxudicación amañada” de máis de 120.000 euros pola construción dunha estrada. Teconsa foi unha das construtoras con máis licitacións de obra pública cando Xosé Cuíña era conselleiro de Obras Públicas, tempo no que Crespo era número 3 do PPdeG. O directivo desta construtora, Blanco Balín, aparece como socio de Pablo Crespo, o vocal de Portos e ex-secretario de organización do PPdeG, en cinco empresas que forman parte presuntamente da rede. Ademais, como desvelou Xornal de Galicia, Balín era tamén o presidente de Gallega de Molienda de Clinker, a firma que fixo as obras da polémica cementeira de Coirós. Esta obra foi autorizada no fin da última lexislatura de Manuel Fraga pero paralizada varias veces despois pola administración.
O ex directivo de Teconsa, Blanco Balín, á dereita, entra na Audiencia Nacional a declarar como imputado no Gürtel
Descargar Tarifas